Con varios cortes de luz tanto onte á tarde-noite como esta mañá, espero poder rematar o blog en tempo ...
En tempos revoltos, é difícil distinguir algo, a parte do derivado de 'a río revolto, ganancia de pescadores'. Despois do indulto da semana pasada dun banqueiro por parte do goberno (vice dun banco que condonou unha débeda ó PSOE), hoxe parece ser que se pretende aprobar a lei Sinde por presións diversas, incluído foráneas.
Se nos centramos en Ribadeo, nos catro partidos con representación no pazo do concello atopamos algún tipo de revoltillo. O primeiro, ideolóxico, de fondo, pois non son nin moito menos homoxéneos. Pero tamén persoal, ca un ó seu xeito. No maioritario, despois de aumentar a representación, parece haber unha cohesión interna moi grande, liderada polo alcalde. Mais no seguinte nivel, a indecisión do futuro da formación a nivel Galicia pode a moi curto prazo facer que as expectativas en Ribadeo cambien abondo. Dende o asalto do cabeza de lista a postos máis altos ata a marxinación non só a nivel institucional por ser oposición, senón a nivel da propia formación.
En canto ó segundo partido, os novos folgos non ocultan que despois dunha loita pola sucesión que era a comidilla do pobo, hai unha asimetría na representación, no sentido de traballo e participación, mentras unha figura pasada con relacións institucionais aparece ante a poboación como estando e non estando, nunha especie de espectro brumoso que mantén poder na sombra.
UPRi cambiou de representante no concello, pero o ganar influencia na veciña Asturias non compensa o anonimato ó que se viu submetido ata agora o segundo de a bordo, e a soidade alomenos aparente na que se move, palmadiñas na espalda a parte.
E o PSOE xa ten saído moitas veces á palestra no blog precisamente a conto da necesidade dunha refundación ou polo menos forte reestruturación interna que polo momento non se deixa ver, notando hai algún tempo máis ben un retroceso nese sentido con algunha dimisión.
Todos sabemos quen é quen no sentido de identificación nome/cara. Máis aló, en canto ás ideas e as accións, podémonos equivocar de xeito moito máis doado.
Ningún comentario:
Publicar un comentario