20111216

Recortes e aumentos

Quedaron onte en pasarme unha foto da concentración no IES Porta da Auga realizada polos profesores como manifestación contra os recortes que estamos a vivir na educación pública. Non ma pasaron aínda, e esta entrada irá sen foto.
Así, sen ilustración, ven sendo como unha imaxe a ínfima escala do que está a pasar na educación pública: sen visibilidade máis que por algún número en frío, as perdas comparativas e absolutas de cartos adicados inciden na ratio profesor/alumno, pero tamén pouco a pouco no desenvolvemento dos centros, mentres está habendo un trasvase de fondos -públicos- para o ensino privado, pois non é o mesmo a ausencia de medios a nivel xeral que a distribución deses medios que se está a facer.
Pero queda así, como dixen, sen ilustración, e polo momento, sen defensa. Pensando en que a visita non xa dalguén da Consellería en Santiago, senón mesmo do coordinador provincial (neste caso, coordinadora) a algún centro pode arrincar unha foto máis grande e máis espazo nos xornais que as concentracións realizadas nunha grande maioría dos centros (a dicir que por esta vez, aínda que a nivel de edición local, o seguemento nalgún xornal foi o que máis ou menos estimo adecuado).
O que si aumentou de novo foi o tráfico en Mirasol. Na nova no xornal hai varios datos nos que paga a pena pararse. O primeiro, que o Principado ten sementado dúbidas sobre a finalización do ramal de Feve que faría competir a Xixón con Ribadeo para o embarque de pasta de papel. Outro, que o embarque de pasta supón o 82% do tráfico de medio millón de toneladas (ou sexa, cincocentos millóns de quilos), seguido moi de lonxe por o 12% do caolín. Máis, que o dragado implica baixar a cota a -5m, pero sobre todo, que o límite de tonelaxe (estimado polo práctico nunhas 6 500 tn) ven marcado máis ben pola ponte dos Santos que polo propio calado. E que o movemento vai en 139 mercantes (109, os maiores, con pasta)
Distribución da tonelaxe en Mirasol neste ano. Azul, pasta; vermello, caolín; amarelo, madeira, tablóns e fertilizante.

Distribución do tráfico en Mirasol por número de mercantes. En azul, os adicados á pasta, en vermello, o resto.

Ningún comentario: