20120125

Falando sobre a periferia ... desfavorecidos nun factor 40

Hai un par de días falei no blog sobre estar na periferia. Era a reposición dun vello artigo xornalístico no que falaba de comunicacións, en particular, telecomunicacións (non de economía ou de poder, que tamén son aplicables no caso de Ribadeo). Sobre o tema chegoume unha captura de pantalla que quero poñer aquí porque serve de complemento actual e natural ó artigo.
Test de velocidade antonte en Suecia

A anterior imaxe corresponde á captura de pantalla dunha conexión ADSL feita en Suecia antonte. Podo aclarar que é unha conexión normal, non especial nin de tarificación alta.
Abaixo, a correspondente á miña conexión esta mañá (tamén unha conexión normal nestes lares, neste caso nunhas condicións moi boas, feita a unha hora cediño sen moita competencia na rede en Ribadeo...)
Test de velocidade, esta mañá, en Ribadeo

Coido que as diferencias poden ter algo de aleatoreidade, naturalmente. Pero as comparacións desbotan que as posibles aleatoreidades teñan algo que dicir en relación coas diferencias:
*Ping (é dicir, tempo necesario para a devolución dunha sinal), 20 veces superior aquí.
*Velocidade de baixada, a de carga de páxinas web, por exemplo, máis de 40 veces máis rápido en Suecia.
*Velocidade de subida, para enviar datos, como cargar ficheiros nos correos electrónicos, máis de 40 veces máis rápido ...
É dicir, seguimos estando na periferia.
Máis aínda. Lembro que cando contactei a nova liña dixéronme claramente que me ían cobrar tanto como lle cobrarían a outra persoa pola conexión nunha cidade, pero que me ían dar unha velocidade metade. Cousas das liñas... Por certo, nesto a compañía non ven a conto, pois son semellantes.

Ningún comentario: