O tema é xa vello, pero renóvase tódolos anos, na mesma época (que non é ista). O texto foi publicado o 19960630.
-
Achégase o Fin de Curso
Na nosa tradición occidental parece que tomamos a vida e os sucesos como algo lineal; eso din os estudosos da mentalidade social. Nembargantes, celebramos os ciclos. Este tipo de festexos nunca o entendín moi ben.
Celebramos os finais de ano como algo especial, cando o seu significado é o de que a Terra deu unha volta máis a unha estrela que distinguimos porque está moito máis perto que as outras. Conmemorámolo ademais nunha data que non ten nada de especial astronómicamente e, para máis inri, dun xeito inexacto porque esas voltas da Terra non coinciden cun número enteiro de días.
A partir de ahí, celébranse outras moitas festas, con máis ou menos sentido. Así, non creo que moita xente se pregunte porque se celebra o cumpleanos do nacemento/parto e non da concepción (o motivo non oficial pode estar en que se coñece con máis precisión e en caso contrario daría lugar a descubrir máis dun segredo ben gardado). Nembargantes, outras festas, a pesar de seguir o mesmo ritmo, teñen un sentido diferente, como as derivadas da recolección, onde realmente hai algo importante que celebrar.
Estamos na época pola que nesta parte do mundo se achega o fin do curso. Estoume referindo ó curso "normal", o dos estudos, non ó político ou outros ós que se lles chama así agora, aínda que moitas veces coincidan. Pois ben, o caso é que este final de curso ten dúas celebracións, unha posterior e a outra anterior á data fixada. Explícome. Tras rematar o curso, celébrase que xa non hai clases, que (din) xa non hai que estudar, que hai máis tempo libre, ... . Antes de rematar as clases, nun período variable (segundo a persona, o nivel de estudios acadado, etc.) exténdese unha ceremonia de outro cariz: é o síndrome do fin de curso. A éste, témeselle. Hai que esforzarse xa sen tempo, sen ganas, sen gusto, sen ...
A min, polo contrario, gústame imaxinar o curso escolar como un curso dun río. O principio, proceloso, saltarín, como o alumno, cheo de enerxía e activo, descansado do verán. Logo, pouco a pouco, máis calmado, pero con máis caudal, con máis coñecementos cada vez, para rematar desembocando dun xeito totalmente suave, verquendo as súas augas ó mar, os seus coñecementos na vida.
Se tomamos outra comparación, se estamos a ver unha carreira longa, todos nos asombramos e apoiamos a aquel atleta que cerca xa da meta deixa ós outros atrás nun sprint final. Nembargantes, para facer iso, antes tivo que correr a carón dos máis, pois senon ese derradeiro xesto non lle serve de moito. O que se busca pois nesos finais é acadar unha mellor posición, rematar superándose a si mesmo, non suplir a falta dun bó traballo previo. Igual ocorre no ensino/aprendizaxe.
O difícil é practicar estas ideas. En particular, hai unha percepción de contracción/dilatación do tempo coa idade que fai medrar na xente nova un sentimento de imposibilidade de manter o ritmo todo o curso.
Pode que sexa un pensamento romántico nunha época na que non se leva moito. Nembargantes, non só a LOGSE, senon tamén polo menos a anterior lei, a LGE (Ley General de Educación, Villar Palasí/1970) poñen o énfase no discurrir do traballo ó longo de todo o curso, a avaliación contínua e a formación continuada. É dicir, dase o mesmo valor o rendemento de cada minuto do curso, sexa o principio ou ó final do mesmo. ...Aínda que todos, profesores incluídos, e coa excepción quizáis dos anciáns, tendemos a lembrar máis as cousas máis próximas temporalmente, como ben saben os alumnos, dun xeito intuitivo.
En sentido estrito, estos prolegómenos que son o síndrome do fin de curso, van contra a lei. Van contra a lei no seu espíritu, pero non creo que poda haber un resquicio de castigo legal contra a multitude de estudantes que o practica. Podemos pensar que ou cambiamos o uso popular ou cambiamos a lei. Nembargantes, todos sabemos do valor da constancia e da dificultade de levala a cabo. E dubido moito que haxa unha lei en algún país que prime os atracóns da derradeira hora. Ó final, que Deus os colla confesados ...
Ningún comentario:
Publicar un comentario