20120122

O estiramento dunha masa

Procurando outras cousas, remata de caer a miña atención na versión dixitalizada de artigos que teño publicado en tempos (década dos 90) na Mariña de El Progreso. Deixo unha das publicacións que coido resistiu abondo ben o tempo, a pesares da temática:

O estiramento dunha masa (4/12/97)

A semana pasada volvín escoitar mencionar un efecto económico que continúa a producirse nos EUA dende comezos da década pasada: a separación cada vez maior entre a renta das capas sociais económicamente poidentes e os desfavorecidos.

Este fenómeno prodúcese a nivel mundial e a nivel de cada país. Resulta que, no mundo e en termos xerais, os que teñen cartos, cada vez teñen máis. E os que teñen poucos, cada vez teñen relativamente menos. Dentro de cada país maniféstase o feito do enfraquecemento da chamada clase media, que en principio parecía característico da economía estadounidense.

No conxunto das nacións, está a aumentar a separación entre os países desenvoltos e os chamados non desenvolvidos, tras varios decenios nos que se daba efecto contrario. E aínda agora están os chamados dragóns asiáticos, países con forte crecemento, a sufrir os efectos dunha tormenta monetaria contra economías que se saben débiles e con defectos estructurais debidos en parte ó seu rápido crecemento.

As causas destas manifestacións son diversas. O abandono da progresividade nos impostos pola presión da xente que pode influír, a maior facilidade para establecer contactos comerciais e de emprego por parte da xente que xa pode facelo, os contactos, ... . No caso de comparacións internacionais maniféstanse máis claramente outros efectos, como que a pobreza impide manter a sociedade organizada e aumenta a corrupción, prodúcense os levantamentos armados e os motíns, etc. No caso de particulares, o verse atado para facer calquera cousa por falta de cartos inicia a espiral da marxinación e aumenta o problema.

Vénseme á cabeza o estiramento dunha masa. Se temos masa para facer empanada, por exemplo, podemos estirala de varios xeitos. Cun rodillo, a mistura queda aplastada por igual e diluída, con pouca consistencia mentras non se coce. Pero hai veces que estírase suxeitando unha porción cunha man arriba e outra coa outra man, abaixo. Nese caso, se se comeza a estirar, cada cachiño de masa dos que queda no medio toma un camiño, en parte aleatorio, para unha ou outra beira. Cando se segue a estirar e a afina-la ponte entre enrriba e abaixo, entón vese claro que o mesmo peso leva a maioría de material cara abaixo. Así ata que remata por rachar, e entón podemos contemplar dous bloques separados nos que a maior parte (case toda) da masa que facía ponte está na parte de abaixo.

A idea paréceme abondo concordante co que está pasando na economía: non é só que esa ponte esté a facerse máis estreita, senon que cada vez é máis longa.

Pensando no fenómeno que está a suceder coa ´ponte´, podemos chegar a algunhas conclusións. Coa masa, o facer pontes podemos considera que non é máis que un xogo. Na economía é a realidade na que se ve afectada moita (toda) a xente.

Parece que a creación de riqueza de que tanto se fala por parte dos economistas e políticos debera servir para atenua-lo proceso. Ata hai un par de décadas, así foi en todo o mundo. Dende entón, comezando polos EUA, non o é. A creación de riqueza vai cada vez máis para os que xa son ricos. Ademáis, de pouco serve o ter algo de cartos cando eses cartos non chegan. E telos vólvese cada vez máis necesario para poder facer calquera cousa. Refírome a facer algo coa propia vida, sen máis: ¿que se pode facer hoxe sen cartos?. Está visto que os tempos cambiaron; na xeración anterior un neno que tiña algo na casa non era pobre. Hoxe necesita ter cartos para poder saír dela. O mesmo sirve para os maiores, con outros matices.

... Despois de todo, e ben pensado, a analoxía económica coa ponte de masa non debe ser moi válida: a masa soa a cartos, a eso de ´masa monetaria´, por exemplo. Pero sobre todo non debe selo porque na realidade, esa masa monetaria vai parar ós menos, ós máis ricos, os ´de enrriba´. Non ós máis numerosos, os pobres, os de ´abaixo´.

2 comentarios:

Anónimo dixo...

Hola, boas. ¿Sabería decirme que significa en galego "panca na mente"?

agremon dixo...

?