20120118

Pleno con dous puntos (II)

O dito da parte 1ª
Apunto que xa está colgada a referencia ó pleno na páxina web do concello.
Continuando: O apartado de control dos órganos e rogos e preguntas suscitou coma sempre aun montón de pequenas preguntas focalizadas e moitas veces de difćil comprensión por quen non tivera a documentación diante ou coñecera o problema. Aínda así, tamén coma sempre, moitas outras (ou mesmo algunha das anteriores) chaman a atención na súa pregunta, na súa resposta ou sinxelamente na súa existencia.
Houbo preguntas sobre obras, como a da barandilla oxidada en Rinlo, na recentemente rematada praza de Calvo Sotelo, ou sobre a unificación dos tipos de sinais nas parroquias, con factura a cargo da Deputación. A televixiancia do punto limpo, 2 000 € subvencionados, chamou a miña atención non polo feito de poñer televixiancia, senón pola noticia de que houbera roubos no lugar.
4 000 €para o baleirado da fosa séptica da praia das catedrais, algo a facer periódicamente, aínda que sexa máis frecuente no verán.
Algún cargo curioso, como 330 € para a pegada fóra do noso concello de carteis anunciadores do mercado do Nadal, ou 3 776 € para un concurso de guións cinematográficos no pasado 2011 (algo que me choca porque se non lembro mal, o concurso foi adicado ós centros educativos e teño visto un folleto onde dicía que o custe total era abondo superior; será só unha parte)
Naturalmente, aquí, xunto coas epquenas preguntas e respostas, tamén hai pequenos aproveitos como para dicir a mans do PP que a Xunta subvenciona abondo, a conto da intervención no punto limpo nunha obra de tres millóns das antigas pesetas.
No futuro será desglosado o gasto en móbiles. Coido que no pasado, hai tempo, xa estaba; de feito, ténse comentado nos plenos o gasdo dos móbiles máis dunha volta.
Unha cousa que me chamou a atención foi á raíz dunha pregunta de M. Valín, o aporte do concello dos cartos para o gasto das dilixencias previas correspondentes á defensa do xa ex-secretario, ó ser imputado durante un tempo pola xuíza nun caso de prevaricación. Naturalmente, ó estar imputado (e continuar neste intre) o antigo alcalde, e o secretario ter despois deixado de estar imputado, non se citou a palabriña, pero si que o caso era polo tema de ruído. Como contraste, Barreiros, onde -segundo a prensa de onte mesmo- estando imputados no caso urbanístico alcalde e secretaria, o alcalde segue no posto pero apartou das súas tarefas á secretaria.
Tres pagos a Aquagest de 5 000 €, adxudicación directa, motivaron unha pregunta, pero o substancial quedoume sen comprender...
A licenza definitiva da xa vella tenda de Almacenes Bahía na r/ Vilalba chamou a atención polo seu retraso, e a pregunta de se era unha cousa habitual ou houbera algo extraordinario quedou sen responder ata próximo pleno.
Tamén curiosa foi a declaración (PP) de que había dúas empresas que si cobraban puntualmente, a responsable do gabinete de prensa e a de atención ó domicilio.
A expresión de 'costa un huevo' foi usada para referirse ó custe do congreso de pediatría, inquirindo se ese custe ía ser repetido periódicamente ou ou congreso fóra só unha vez.
Xa na parte de Rogos e Preguntas, comezou o representante do PSOE sobre o pago de 60 € mensuais nunha sentenza por ruído contra o concello, cun argumento que ten repetido hai tempo, preguntando se se estaba a facer algo para deixar de pagar. Pregunta contestada polo alcalde no sentido de que estaban á espera. Algo que polo que sei, podo dicir que como mínimo é incompleto.
O mesmo representante sacou a relocer o importante monto das multas por aparcamento en determiandas circunstancias, parece ser que a conto de que a el mesmo lle puxeran unha. 200 € por mal aparcamento en lugar non ORA. Ben, parece que a normativa e importes ven feita de xeito estatal polo seu partido (alomenos eso contestou o alcalde, non quedando convencido Eduardo Gutiérrez)
O subministro eléctrico ó polígono industrial foi a base da primeira pregunta de UPRi, sacando a relocer o alcalde o retraso da construcción da subestación e a lentitude en principio da compañía e a Xunta para os trámites.
Curiosa pregunta a seguinte. Resulta que para alugar bicis, pedíaselles o DNI, que quedaba na oficina de turismo, co que os ciclistas ían indocumentados. Algo que parece xa se subsanou, pasando a quedarse cunha copia do DNI.
A carpa do parque tivo a súa intervención diferenciada: 5 000 e do último custe son moitos cartos, pero negouse a viabilidade da compra porque hai que montala, desmontala, asegurala e conservala, e o concello non se ve capaz de facelo de xeito máis barato que o aluguer, a parte dos problems que representaría que ó ter o concello a posibilidade, todas as asociacións quixeran usala. A Mancomunidade está en mercar unha carpa, pero ise é outro tema.
A páxina web do concello centrou a primeira intervención de Campo Braña, pois está sen actualizar mesmo na composición dos plenos, por non falar de que o orzamento que aparece é do 2008, mentras que as novas que pon o alcalde aparecen periódicamente. E os novos medios, a segunda, pois pediu que a documentación previa ós plenos fora escaneada e enviada por correo electrónico ... pensei que ía dicir colgada na rede, pero iso sería demasiado.
Sobre o destino da Torre dos Moreno, e a conta das últimas declaracións do alcalde, Campo Braña pediu que se convoque ós grupos municipais para que decidan. Tamén neste caso pensei que ía pedir que se abrira un debate público en Ribadeo, pero tamén me equivoquei. A resposta do alcalde foi que a pesares do que saíra na prensa, non hai nada pensado sobre a Torre, incluíndo xunto a esta declaración de culpabilidade da prensa na comunicación un que 'nos collen en medio dunha historia complexa para explicar aquí'.
A obra do paseo das Aceas foi recepcionada. Unha volta establecido, unha pregunta sobre a 'Casa das algas', nome que parece será oficial: Pode usala calquera asociación?. A resposta é que en principio, si.
Outra pregunta do PP foi sobre o avance no tema das vidrieiras. O alcalde expuxo que a Asoc. Ponte dos Santos comunicoulle un próximo procedemento xudicial contra a empresa aseguradora. Contestou Campo que non valen excusas. E engado eu que parece que o tema desvíase polos cartos, sen responsabilidades ou proxecto de futuro.
Custe de apresar e mante cada res salvaxe (cabalos recollidos no monte, que xa tiveron unha primeira subasta para un grupo o mes pasado)? uns 225 € (a lembrar que a pasada adxudicación fíxose por 300 en conxunto)
Recadación por nultas na zona ORA? non hai datos aínda, pero falouse duns 800-900 € dende o 10N que se puxo en marcha, o que cubriría o aluguer o equipo, que 'entendín' que era o que se procuraba (o certo é que nesta resposta en concreto escoitábase abondo mal)[Nota de 20/1/2011: El Progreso apunta nun artigo que se recadan 1200€/mes].
M. Valín felicitou a E. Gutiérrez polo seu artigo 'Donde están las llaves?' a conto do albergue de peregrinos nunha pregunta difusa, que foi contestada no sentido de que que pasaba polo albergue xeraba gasto e poucos cartos deixaba en Ribadeo.
Valín pediu asemade a constitución dunha comisión para recoñecemento de José Calavera e a súa labor ó longo do tempo en relación á Torre dos Moreno, recoñecemento e comisión que podería extenderse a John Rutherford e que sen dúbida atoparía máis caso.

2 comentarios:

Iván Rodríguez Lombardero dixo...

Bo traballo, coma sempre, Antonio, grazas

agremon dixo...

Grazas, Iván!