20120117

Pleno con dous puntos

Onte houbo pleno. dous puntos máis lectura e aprobación da acta anterior e o punto xenérico de supervisión, rogos e preguntas. Debera tido ser cortiño. Durou máis de dúas horas.
Non cheguei ó comezo, pero non houbo palabra algunha pola morte de M. Fraga. E si, de novo as preguntas de O Tesón quedaron por contestar. Nunha breve explicación, o alcalde dixo que oas preguntas foran entregadas sobre a data e quedan para outro momento porque non tivo tempo de preparalas. Sobre a data quere dicir o xoves, no prazo estipulado. Por casualidade quizáis, no escrito lembrábase que quedaron adiadas explicacións anteriores. E foi de novo curioso o feito que rematou o pleno, dixo as verbas de desculpa sobre as preguntas de O Tesón e di logo que quería falar algo co resto dos concelleiros 'en canto se vaia o público'. Natural que queiran falar a soas, non?
As preguntas de O Tesón ían nun escrito do que reproduzo a parte que nos toca:
"(...) formula ó sr. Alcalde do Concello de Ribadeo as seguintes cuestións, que se acumulan ás explicacións pospostas ou prometidas en intervencións anteriores (como a recadación obtida polas terrazas ou o estado do canón lanzacabos últimamente situado en Lugo):
1.Dada a perda cultural e identitaria en curso das Terras de Ribadeo, co uso do nome da Reserva da Biosfera - Rio Eo-Oscos "y Tierras" de Burón (carteis na rotonda dos Irmandiños, Autovía, e moitos outros lugares mercede ós fondos do Ministerio de Fomento ou o de Medio Ambiente, variacións patronímicas diversas debidas á Xunta de Galicia, continuación da designación de Río de Ribambo ou Obeso en Google Maps, a noticia de que se está 'cerca de Castropol' ou que se vive en Ribadeo-Asturias se se usa Facebook, etc, solicitamos coñecer se existe unha política da alcaldía en relación a dito tema.
2.Tendo en conta a finalización das obras da Fábrica de Alxinatos e a súa promoción xunto co paseo, que teñamos noticia aínda ambos sen entregar, pero usados puntualmente, solicitamos coñecer o destino que se pretende ó edificio remodelado.
3.Dada a ausencia de novas sobre o estado e recuperación das vidrieiras da capela do cemiterio, solicitamos coñecer en que estado se atopa a delimitación de responsabilidades, os pasos para a súa reposición e a posibilidade de usar a Fábrica de Alxinatos ou outro lugar para facer unha exposición dos restos.
4.Despois de ter nova recente da finalización de obras para ter un campo de céspede artificial nos terreos do C.P. Gregorio Sanz por un importe abondo superior a cen mil euros, solicitamos coñecer as partidas de cartos propios ou doutras entidades, dispostas para as más necesarias obras na casa do xulgado, o comezo da residencia de maiores ou a participación do concello nas tamén necesarias obras da Torre dos Moreno."
En fin.
Respecto ó resto do pleno, unha volta aprobada a acta, os dous puntos de enjundia (non 'principais' como anunciara o alcalde, senón en realidade únicos aparte dos preceptivos) foron a anulación da subida do imposto de bens inmobles acordada nun pleno pasado, a conta de que xa o sube o goberno do estado, nunha contía superior (e sen gasto político para os representantes municipais). Quedou aprobado, pero non sei a votación en detalle.
O outro, a rebaixa da cobertura de subvención de obras no ARI do 80% ó 75%. A votación foi unánime, pois non quedaba outra (como Eduardo Gutiérrez deixou patente). Non obstante, as aclaracións dos grupos foron diferentes, deixando o PSOE constancia de que houbo un erro nalgún funcionario do concello que foi corrixido por outro en Santiago, e o alcalde que trátase de adaptalo, e que as veces pasadas pasara sen contratempos. Nalgún momento quedaron as palabras do alcalde difundidas en nota de prensa tildadas de propaganda, querendo botar a culpa á Xunta.
Ben, a duración do último punto da orde do día, control dos órganos, decretos e rogos e preguntas, durou hora e media e queda para outro momento.

Ningún comentario: