Leo que vai a haber revisión de horarios dos traballadores do concello ... polos mesmos traballadores. En agosto do ano pasado (e antes) xurdira unha polémica pola esixencia de cumprimento de horario feita públicamente por parte do alcalde (golpe na mesa e 2). Parece ser que lles dera varios toques de atención, e logo pasou á opinión ṕública. A continuación, ós poucos días, veu dicir que estaba todo amañado. Comentara eu daquela que podía 'desamañarse' rápido, e que o xeito de facelo ía impedir unha resposta doada. Pois agora enterámonos polos xornais dunha xuntanza dos propios afectados e de que o alcalde di que está en conversas con eles, ás que teñen que respostar. É dicir, parece que agora cambiáronse as tornas e son os propios traballadores a quenes non lles importa a difusión pública, mentras o alcalde ten máis claro que ten qe actuar de xeito diferente da vez pasada. E, de fondo, tamén queda claro que o problema de horarios continúa.[Nota posterior: despois de falar con algún empregado do concello, cabe aclarar que, problemas sobre cumprimento aparte, a xuntanza ven xerada pola aplicación das 37,5 horas por orde gubernativa]
Mentras, parece que o encher de información / contrainformación está de moda en Ribadeo. Non só o PSOE se apunta ó carro coa súa nova páxina web, quizáis tentando contrarestar que a presenza mediática do PP é abondo superior (estoume referindo sempre a Ribadeo), senón que parece que as notas do concello se activan cando pode haber unha nova que leve á xente por outra banda, como hoxe, sacando neste caso a nova de que a comisión de urbanismo segue a existir, funcionar e ademáis, se verán próximamente os resultados. Afondando no tema das notas de prensa do concello, unha pequena ollada á web manifesta ás clara que o ritmo de publicación é dunhas 70 notas cada 100 días. Está visto que Ribadeo produce novas municipais a esgalla. Como di o alcalde, aquí trabállase arreo. E a demáis xente imitando ese traballo. O que parece raro é que sigamos sen enterarnos de cousas aparentemente sinxelas como que se vai facer coas vidrieiras.
Ningún comentario:
Publicar un comentario