20120207

Vai sen fotos, pero quero constatar que algo se moveu

O domingo participei na última acción do grupo da Mariña e Occidente do 15M. Esquecín levar con que tomar algunha foto, e as prometidas aínda non me chegaron, polo que esta entrada vai sen fotos.
Se alguén quere ver algunha, pode referirse ós xornais, por exemplo, aquí, ou ó grupo en facebook.
O caso é que no percorrido realizado éramos perto de 300 persoas, o que para unha asamblea na zona marcaba un pico. Pero non era unha asamblea. Era unha concentración e manifestación na que o 15M impulsaba unha queixa polos despidos recentes de Hermida e de toda a Mariña. É dicir, había unha dilución de intereses que se manifestou claramente en varios puntos. Un, o primeiro no tempo, nas propias pancartas e a percepción da súa orientación e explicación do problema. Outro, na 'textura' da manifestación. E tamén na finalización, na que o himno galego, que considero sería algo normal (a pesar da presenza significativa de xente de Asturias), tivo un aquel de bloque que foi respondido con algún abandono e coreado sen moito entusiasmo. Quizáis, dado o carácter, tivera mellor aceptación  a internacional.
Á ida, xuntanza na estación de autobuses de Ribadeo para facer a viaxe agrupados/acompañados, que no meu caso resultou falando sobre educación e saúde. Á volta, sobre vida e destino do 15M. No medio, un apoio que debeu resultar vistoso para quenes observaban protexidos polas contras das ventás, protestando algo menos de 300 persoas polos 300 despidos desta tempada na zona. Non saen as contas, nin sae o medo a relocer, que se queda na casa. Non debemos de extrañarnos: tampouco saen as contas das axudas.
Como colofón da manifestación, tomar algo xunto con abondos amigos, algúns descoñecidos ata daquela. Quizáis sen ningún impacto mediático, pero enriquecedor.
E algunha anécdota, como cando alguén na procura da noticia preguntou aquelo de 'quen é o organizador'?
Por certo, chovía, aínda que iso non deba explicar que algunha xente non se manifestara.

Ningún comentario: