20120303

Fun a Partenia, e gustoume

(Artigo publicado o 19990728 en A Mariña de O Progreso)

Fun a Partenia, e Gustoume. Sería un lema turístico como outro calquera, senón fora porque a tal Partenia é un lugar no norte de Africa, na actual Arxelia, que teño entendido que hoxe é ilocalizable. Nembargantes, existiu. Perante uns cantos séculos foi un lugar importante, sé dunha diócese, e aínda que desaparecera como vila, a distribución eclesiástica correspondente mantense. Como tal, pode ter un bispo ó mando, e teno. Como di Jacques Gaillot, nomeado vai para catro anos como cabeza de dita diócese, non ten catedral, senón que oficia fora dela. Na realidade, está case fora da igrexa oficial.

O bispo di ben: foi nomeado para unha diócese virtual como "castigo" polas súas ideas, e non ten catedral nin as rúas dunha vila. Parece que era incómodo ou tiña ideas diversas coa xerarquía na que estaba incluído (ó fin, as dúas cousas van da man se se cumpre dun xeito consecuente) A falta dunha sé física ben especificada, buscou o seu lugar, e agora ten asento en dúas sés diferentes: a rúa, calquera rúa do mundo, e internet. Ben mirada a súa páxina no correspondente lugar electrónico e ollando un pouco pola rúa, os recursos dos que goza en ámbalas dúas son escasos. Cheguei ó seu lugar en internet a raíz dunha noticia na prensa, e realicei a viaxe de xeito abondo máis rápido, barato e doado que se fora en avión en busca dunha Partenia que xa non existe. De feito, creo que xa tiña fai tempo un pé na diócese de Partenia sen sabelo. É tan doado conectar coas súas ideas como aproximarse a facerlle unha visita por este medio electrónico. E logo, a rúa xa é Partenia.

A pesar de ser un destino de aparcamento, que se interpreta como de castigo e en teoría sen fieles, na realidade convertiuse, por unha transformación do sentido administrativo, nunha agrupación que representa (trata de facelo) a máis grande parte dos integrantes na Igrexa. Botando contas da cantidade de católicos oficiais que hai e, dentro de nós, comparándoo co número dos afectos á xerarquía, penso que hai unha grande diferencia dende vai xa tempo.

¿Onde están estes outros cristiáns non encadrados? Os diversos movementos "de base" dunha ou outra tendencia, apoiados en parte por elementos de a pé da xerarquía, receben directrices ou paus con regular frecuencia doutra parte desa mesma base e de estratos superiores. A forma de organización como Igrexa de todo o resto é moi variable, dende o marxinalismo pasota ata o integrismo (por suposto, tamén aquí) máis recalcitrante, pasando por un compromiso externo á estructura. O paso de ser cristián comprometido a formar parte dese outro "resto" pode ser só cousa de estar cansado do rexeitamento oficial.

Nun momento no que en España se trata de influír no ensino da relixión máis que no sentimento relixioso, e así tomo a aplicación do Concordato igrexa-estado en revisión continua no ensino, ou de separar ese mesmo estudio da formación, como penso que ocorre cando se trata de obrigar a escoller relixión no ensino regrado como complemento para poder asistir ó cursiño previo á Confirmación, iniciativas como a mantida na diócese partenia de dar cabida ós que non a teñen nas catedrais, poden supor un refresco que vivifique á mesma Igrexa da que moita xente forma parte sen estar encadrada na, nin tampouco pola, xerarquía.

En calquera lugar desta terra nosa son (somos) a gran maioría os bautizados. Nembargantes, a mala prensa (mellor, a mala lingua, que a prensa ten outras implicacións) sobre a Igrexa non é de hoxe. Ademais, fálase moito máis e tamén preténdese ter coñecemento sobre a igrexa - xerarquía que sobre a Igrexa, unha descoñecida. Unha revisión de boa fe sobre a última, pero tamén sobre a penúltima, aínda que poda ser un revulsivo, a ben seguro será beneficiosa para todos. Nembargantes, fai demasiado tempo que non se pide de xeito craro nin dende dentro nin fora dun púlpito.

En fin, remata esta pequena reflexión a conto de Partenia. Pode que agora se comprenda un pouco mellor que non é un lema turístico: fun a Partenia, e gustoume.

Ningún comentario: