Continuación de Pleno Truncado (II) e Pleno truncado
O punto 7º versou sobre as facturas pendentes do 2011. Foi aclarado que se permite pagar ós concellos ata fin de abril, e que hai algún erro no listado, así como que o Real Decreto non inclúe débedas a entidades públicas e outras (concesións, subvencións, ...) -Ocórreseme que parece deseñado para ver o monto total de débeda pública mercantil, é dicir, para ver o déficit total cara a Bruxelas, no que non contarían a débeda interna das administracións nin aquelas outras que son de tipo voluntario das administracións-
O PP matizou que había débedas anteriores a 2007, uns 50 000 €, e 113 000 € de facturas non recoñecidas, mentras o concelleiro de Facenda apuntou que a débeda foise reducindo ano tras ano.
A citar que o punto anterior, que no pleno non destacou especialmente, ten xerado despois unha discusión en prensa, incluíndo algunha nota na web do concello.
O oitavo punto foi con diferenza o máis longo, durando ata a finalización do pleno: o control dos órganos de goberno, incluíndo Decretos da alcaldía, mocións e deixando fóra rogos e preguntas, como xa foi dito.
Na primeira parte, pouco que reseñar, a non ser os 410 €/mes de mantemento de parquímetro.
O apartado das mocións foi a parte do león do punto.
Comezou coa teima do PSOE da rebaixa de multas de aparcamento (a lembrar un pleno anterior) en carga e descarga, para as que o PP pediu aplicación retroactiva ás multas en período recaudatorio, mentras que UPRi voltou con outra teima ó conto, en tono irónico, sobre as multas na zona azul, que pediu rebaixar a 6 €, permitir prazos e desconto por pago inmediato. A resposta do alcalde incluíu que o pasado ano recaudouse máis que nunca poñendo menos multas: de 1 551 multas por 82 870 € pasouse en 2011 a 920 multas por un total de 90 956 €, 13% de leves, 86% de graves e 3% de moi graves. Na votación, 5 si, 0 abstencións e 8 non.
A segunda moción, asemade do PSOE, dirixida a unha axuda xusta da Xunta para subvención en materia de emprego, non diferenciada pola cor política dos concellos, tivo unha votación 8 - 1 - 4 despois de citar o PP outros desequilibrios provintes da Deputación.
A terceira moción, do PSOE, discutiuse con outra semellante (que iría no nº 9) do BNG, ambas sobre a celebración de Rosalía de Castro o 24 de febreiro en Ribadeo, e foron aprobadas ambas por unanimidade: 13 - 0 - 0
A cuarta moción, do PP, retirouse por estar en parte prevista noutro lugar e non estar pensada para moción, segundo o propio PP.
A quinta, do PSOE, sobre o día internacional das mulleres, a pesares dun pequeno debate tamén foi unánime: 13 - 0 - 0
O BNG presentou a sexta sobre dereitos das mulleres na interrupción do embarazo, presentando como un retroceso a nova lexislación, sendo apoiado polo PSOE. UPRi calificou o tema de demagoxia, e puxo de exemplo unha rapaza de 16 anos que pode interromper o embarazo mentras que hai responsabilidade subsidiaria dos pais por causar algún destrozo. En defensa, o BNG citou que a lei anterior non aumentou o número de abortos. Aprobada: 8 - 0 - 5
A sétima moción, do BNG, era unha iniciativa lexislativa popular sobre a sanidade pública. O PSOE fixo incidencia no mantemento da xestión pública, mentras que UPRi destacou que había diferenza entre privatización e xestión externa, e que a lei que o permite ten a súa orixe no bipartito. Aprobada: 8 - 0 - 5
A oitava, sobre a suba 'escandalosa' e privatización das escolas infantís, foi proposta polo BNG, apoiada polo PSOE e discutida polos outros dous grupos, aclarando UPRi que segundo parece dende o ano 2002 non se actualizou o prezo e polo PP que non é unha privatización e ás rendas baixas non se lles incrementou. Aprobada: 8 - 0 - 5
A estas alturas de pleno podíase observar xa claramente unha viraxe clara respecto a outros anteriores, pasando de posturas máis de concepción local a outras de máis aliñamento ideolóxico, como corresponde ás mocións de prantexamento xeral.
A última moción tivo unha longfa discusión. Foi proposta polo PP sobre promoción e consolidación de empresas e plan de emprego. O PSOE recolle da proposta a constitución dunha entidde de debate sobre o tema. UPRi resalta que calquera está de acordo, dando o seu apoio e dicindo que ó polígono (o que segundo o representante se lle está a chamar 'polígono de Geyper', por ser pequeno) ten parcelas grandes e caras, ata catro veces máis que n Palas de Rei.
O alcalde tivo unha longa resposta, apreciando algún dos puntos, desetimando outros por diversos motivos (como o non ser da súa competencia o prezo das parcelas, ou que a creación dun banco de tempo -un dos puntos incluídos- non é emprego, senón algo alternativo). A representante do PP na defensa dixo que non facía falta a moción pero si un compromiso de impulso, por exemplo coa creación dunha mesa sectorial. Foi proposto o voto segregado de cada punto da moción, pero non aceptado (houbo unha rápida discusión sobre cuestións legais e antecedentes). Por contra,o alcalde comprometeuse a continuar co impulso pedido por Campo Braña. A moción foi rexeitada: 5 - 1 - 7
... E aquí foi onde se chegou ás 12 da noite e á discusión xa relatada sobre o truncamento do pleno, que foi cortado no longo punto de control e a falta de rogos e preguntas, motivo polo que o PP di que non se permitiu o control do goberno.
Ningún comentario:
Publicar un comentario