20120319

Unha ría, unha vida (publicado o 20060203 en A Mariña de El Progreso)

Publicado na p. 3, está un pouco fóra de tempo polas circunstancias concretas que se citan, pero non polo fondo da cuestión:
-
Remata de chegar ás miñas mans a proposta da Plataforma para a Defensa da Ría para o establecemento dun plan de protección. E prevexo que sigan a chegar boas palabras e malos actos moito tempo máis. Nembargantes, como a situación ten que cambiar (ou cambiamos nós, que é outra posibilidade), paso a leelo e póñome en situación: a fin de mes está previsto un cumio galaico-astur e a Plataforma pretende entregar ás autoridades unha versión revisada da proposta que está a difundir agora. É dicir, o leelo e criticalo é parello a unha esmola para a ría. E quero a ría, ou sexa que de esmola, nada: contribución.
Pídese a declaración de espazo protexido, e unha comisión permanente e con participación cidadá para o seguemento e control da súa conservación.
É dicir, leis, pero asegurando o seu cumprimento. Claro, do anterior se desprende que se debe renunciar a calquera recheo, e máis cando parece que a beira asturiana xa está farta de que sexa a parte galega quen faiga recheo tras recheo.
Como as leis necesitan unha concreción despois de promulgadas, nas propostas inclúense medidas derivadas a curto e medio prazo. Por exemplo, e fronte a presión urbanística que se deixa sentir na redacción do Plan xeral de ordeación urbana, propónse a ampliación ata 500 m da prohibición de construír, ou o saneamento de puntos concretos que lle fai falta, ou algunha medida para poñer en valor o propio que ten como espazo natural. É certo que o borrador presentado non fala moito dos tesóns, pero na actualidade e tras as derradeiras obras, a súa capacidade de recuperación é asombrosa, como se pode ver día tras día mesmo fronte a Mirasol, o que parece dicir que non corren perigo mentras a draga pase algunha tempada fóra da ría.
Vai sendo hora de que nos decatemos que a ría ten unha vida propia, que defende con tesón das agresións que sufre, pero que como calquera ser vivo pode enfermar debido a elas. E eso está pasando.
É hora de cuidar un espazo que polo momento serviunos a nós e non elixir o mal camiño de tentar medrar económicamente a costa do medio ambiente, dun xeito desordenado e sen futuro.
A ría é algo parello a unha galiña dos ovos de ouro: alguén se imaxina aunha galiña así estabulada nunha granxa con outras iguais?

Ningún comentario: