1982
As próximas eleccións serán as últimas nas que non participe xente non nacida antes de que a miña muller e mais eu nos instaláramos en Ribadeo, o 27 de setembro de 1982. Dende aquela, nós cambiamos (ti que estás a ler, tamén). E Ribadeo.
As persoas teñen xuventude, madurez, vellez... os pobos poden rexerarse. E eso lle pasou a Ribadeo estas dúas décadas transcorridas dende entón. Os cambios na paisaxe urbana (e non só nela), máis ca un lifting (mellor usar estiramento) foron un rexuvenecemento. A diferencia está en que practicar un estiramento é algo así como poñerse unha unha máscara, mentres o corpo segue a ser vello, e o rexuvenecemento debe afectar a todo o corpo, cobrando novos brios e unhas características máis xuvenís en xeral.
Ribadeo tivo un rexuvenecemento urbano. A ponte ou a rúa peatonal poden amosalo, pero a xente tamén. ¿Cómo pode rexuvenecer a xente? En realidade, non é o rexuvenecemento da mesma xente, senón da sociedade en si. Por exemplo, atraendo inmigrantes, persoas de fóra, con novas ideas, novas formas de facer as cousas, e sobre todo, con necesidade de adaptarse ó lugar onde vivir e á súa xente, a xente que o configurou con antelación e que ten que integralos, e con eso renovarse ela mesma. Galegos coma min, ou xente que previamente era asturiana, pero tamén sudamericanos, e aínda doutros países afincáronse estes anos na vila, que se fixo máis cosmopolita e aberta, cobrando o de fora, as relacións con outros lugares, a importancia que se di xa tivo noutras épocas por diferentes motivos.
Nesa armonía que debe ser un pobo non se poden illar uns aspectos doutros. E aínda que para as persoas a xente debemos se-lo máis importante, o certo e que vivimos rodeados das nosas obras, configuramos a paisaxe no noso entorno, e rematamos tamén configurados por el. Por eso hai que considerar outras perspectivas.
Sufriu un cambio na cultura, nun sentido amplo. Por suposto, por incorporación desa xente que viñemos de fora. Pero non só por esto e por outras cousas máis evidentes, como pode ser se miramos fixándonos nos aspectos musicais, onde Amadores e a Banda supuxeron unha revolución (atención: detrás da revolución ten que haber revolucionarios). Tamén pola animación producida polos Foros de Debate e as figuras que por eles desfilan, as Xornadas Mar por Medio, as de Medio Ambiente (este ano curso de verán da universidade), as Xornadas de Automoción, que facilitaron que se celebraran exames de oposicións para ensino medio este mesmo verán, ... actividades que, miradas en perspectiva, van cobrando máis importancia e relevancia para o que facer diario no noso pobo, atraendo máis xente, ideas e contribuindo a refacer Ribadeo.
Mesmo para a xente miúda, o cambio de ideas está propiciado pola cantidade de actividades das que dispoñen, da música ó remo, non esquecendo os deportes tradicionais como fútbol ou baloncesto, pero tampouco os novamente afincados como ximnasia e natación, ou aínda outros alicientes que para moitos supoñen por exemplo os concursos da Diadema ou da biblioteca. Claro que ó anterior hai que engadir outras causas de ámbito moito maior que Ribadeo como son a tele e a informática.
Tamén refai Ribadeo o cambio nas estructuras. Creceu coa Ponte que aínda non hai moito cumpriu o seu décimo aniversario e que variou a relación coa outra beira da ría, marcando un antes e un despois. Pero tamén con obras menores en relación a ela: a piscina, que variou a formación da nova xeración de xoves en aspectos lúdicos e deportivos; a rehabilitación do forte de San Damián, que creo que aínda se integrará máis no futuro dentro da paisaxe e actividades no pobo; a creación do parque do cargadeiro e ampliación do paseo ate a illa Pancha (un pouquiño menos), que está a variar a perspectiva da ría de moitos ribadenses; novas rúas e edificios, na antiga vía do ferrocarril, por exemplo, obviando unha realización pouco anterior ó 82, o eixe dende o xardín ate o Parador polas avenidas de Asturias e de Galicia, que supuxo o facer outra vila diferente; a rúa peatonal, auténtico pulmón no centro e que rematou cunhas estreiteces que hoxe xa soan inconcebibles, a nova sé da casa da cultura, cun uso que pouco a pouco se vai acrecentando... e aínda que hai que deixar moitas cousas de lado por mor do espacio, do propio esquecemento e de non cansar ó lector. Con todo, non se pode pode pasar tampouco por alto, por fin, o tratamento da Torre dos Moreno, que esperamos se vaia consumando pouco a pouco para rematar, se cabe, co seu centenario. Todo o anterior, sen buscar unha proxección de futuro que xa se albisca con outras obras comezadas, proxectadas ou faladas: o impacto dunha circunvalación, un auditorio ou a unha autovía dan por si sós para un artigo e moito máis.
Vai variando doutros xeitos. O comercio é potenciado e ten unha puxanza acorde cos novos tempos, o porto, a través de sucesivas ampliacións, permite servicios que antes non tiña, o polígono ... bo, eso será para outras festas.
Claro que non todo foi positivo nestes anos. Unha mirada sobre a beiraría afasta un pouco a imaxe de paraíso natural de fai dúas décadas, aínda que siga a selo. A perda de intimidade que pode facer suspirar a algunha xente vai da man do crecemento experimentado e de que Ribadeo sexa hoxe un enclave turístico abondo máis importante que a principios da década dos oitenta. As remodelacións do parque non poden atallar que a xente nova se aveña a un modelo de comportamento urbano e pase de verse na rúa ó "chamámonos" ou á poltrona televisiva. Pero sobre todo para os que vivimos estas dúas décadas finiseculares aquí, o peor é que xa vemos as cousas con outra perspectiva, a que da o paso dos anos máis sobre nós que sobre un todo ó que queremos.
1 comentario:
Un testimonio de amor a Ribadeo muy bonito...Felicidades
Publicar un comentario