20120427

Coñeces Ribadeo? As fádegas, pisadas do encanto

Tras enterarme e invitarme copio (con pequenos comentarios engadidos ás fotos e o posicionado aéreo) nunha vez tres entradas do blog Mondigo, do IES Gamallo Fierros. Un lugar máis aconsiderar tanto polo interese cultural como para incluílo en rotas turísticas, por exemplo:

As fádegas, pisadas do encanto
O primeiro petróglifo de Ribadeo e o primeiro podomorfo da Mariña.
As  Anzas, parroquia de Cubelas (Covelas)-Ribadeo, no antigo camiño que ía de Salcedo ás Anzas, ao carón do río Grande, no lugar coñecido como As Fádegas, moi preto do castro das Pumaregas, foi noticia polo descubremento de petróglifos (gravados feitos en pedra ao aire libre): podomorfos e cazoletas. Dos que falaremos en vindeiros días.
Este ben cultural foi incluido no inventario de Xacementos Arqueolóxicos da Dirección Xeral do Patrimonio, co nome de “As Fádegas-as pisadas do encanto”, coa clave GA27051023, trala inspección do xacemento  polos técnicos do Servício de Patrimonio (data: 15 de xuño de 2011 ).
Por su posto que As Fádegas ten a  súa lendaNunha rocha á beira do río  habita un Encanto, unha moza fermosa e loira que deixou as pegadas dos seus pés na laxe do camiño. Polo S. Xoán a moza aparéceselles aos que pasan por alí amosando a súa fermosura e mailos seus tesouros así como unha galiña coa súa rolada de pitos de ouro. A beleza da moza ou a cobiza do ouro, fai que a xente se achegue á rocha, o que provoca o seu encantamento, ficando para sempre no interior da rocha”.
Os petróglifos constitúen a expresión máis característica da arte rupestre galega. Un petróglifo é un gravado feito sobre as rochas ao aire libre; son plasmacións de diferentes motivos gravados nas rochas por mor dunha técnica que conxuga o picado e maila abrasión para delimitar sucos ou concavidades que configuran as representacións.
A súa tipoloxía é ampla e variada, pero pode resumirse en dous tipos: figurados (antropomórficas e animalistas) e non figurados, entre os que destacan os podomorfos e cazoletas das Fádegas.
As pisadas, pasadas, pegadas ou podomorfos (plantae pedum) é un dos tipos de petróglifos máis intrigantes e menos estudados de Galicia. Estas gravaduras de As Anzas (Cubelas) reciben o nome de “As pisadas do encanto”, situadas nunha zona coñecida como As Fádegas. Nesta rocha hai polo menos catro pegadas de pé (segundo Patrimonio), con distintas medidas: 50, 43, 41 cm.  A que se debe este motivo na Prehistoria?  Hai moito debate… a veneración das divindades, espíritus dos antepasados, símbolo de ofrenda e devoción, a toma de soberanía por parte dos homes, boa sorte para a caza, búsqueda da fertilidade feminina… No vindeiro artigo: as cazoletas.
Rematamos a información dos petróglifos das Fádegas (As Anzas-Cubelas), cun tipo de petróglifos coñecidos co nome de cazoletas ou cazoliñas.
Denomínase cazoleta a un oco artificial excavado na superfície dalgunha rocha, xeralmente semiesférica. Son motivos rupestres moi frecuentes, en tódalas épocas e latitudes.
Nas Anzas hai dúas cazoletas de 12 e 16 cm de diámetro. Son múltiples as hipótesis sobre a funcionalidade das cazoletas: as cazoletas poderían haber sinalado un espazo sagrado prehistórico, recipientes para ofrendas, lugares para recoller a chuvia vinculada ó mundo ritual, símbolos de carácter sexual feminino, receptáculos de sacrificios, cartografías…
Emilio Piñeiroa Lozano
O lugar, nas Anzas
Podes comprobar a túa pegada e comparar ...
Non é tan clara como a anterior, pero ...
Vista do sigpac da zona. O lugar sería na cruz; a estrada na parte superior esquerda, LU.133, a estrada Reme-Vilamar


Ningún comentario: