MANIFESTACIÓN EN RIBADEO PRO RESIDENCIA DE MAIORES
Os cambios producidos nas estruturas das nosas familias, a redución da natalidade e o envexecemento da poboación, xunto con outros factores, como o aluvión de persoas maiores que nos últimos anos fixaron a súa residencia na vila de Ribadeo e na súa comarca, sen esquecer as necesidades laborais daquelas persoas que noutras épocas pasadas dedicaban as súas vidas á atención das persoas maiores no ámbito familiar, están creando hoxe na nosa localidade un grave problema de atención a un amplo colectivo de persoas, cada vez maior. Persoas que se ven obrigadas a vivir soas e sen a debida atención nos seus domicilios por falta de capacidade para ser acollidas no noso actual Hospital-Asilo de Ribadeo, ou se ven obrigadas a ser desprazadas a outras residencias moi afastadas da contorna natural na que sempre viviron, co consiguiente sufrimento moral, non só para eles senón tamén para os seus familiares.
Para solucionar este grave problema as Asociacións de Veciños e Comunidades deste concello de Ribadeo reuníronse nunha Plataforma reivindicativa para reclamar ante as administracións responsables do benestar dos cidadáns a construción dunha nova Residencia Comarcal de Maiores en Ribadeo. Un dos seus logros foi a creación dunha Comisión Municipal en Ribadeo, presidida polo alcalde e formada polos portavoces dos partidos políticos, a concelleira de Asuntos Sociais e dous membros da Plataforma de Asociacións. Esta Comisión está hoxe traballando, nunha modélica unidade de criterio e acción, para a consecución deste obxectivo.
Ata agora a resposta dela Conselleira de Benestar dela Xunta de Galicia ás peticións presentadas en demanda dunha Residencia Comarcal para maiores en Ribadeo, formuladas unánimemente, tanto por esta Plataforma de Asociacións, como pola Comisión Municipal do Concello, foi o silencio. Unha obstinada actitude negativa rechazable para quen teñen a obrigación de escoitar as necesidades do pobo e dar resposta ás súas demandas.
Na mariña lucense tanto o concello de Viveiro como o de Burela foron dotados cunha residencia. Outra máis está programada para o noso veciño concello de Foz. Que pasa con Ribadeo? Somos, seica, menos dignos ou estamos menos necesitados dela que os demais?
A Plataforma de Veciños, reunida en asemblea xeral en data 15 de xaneiro pasado, acordou convocar a todos os veciños deste Concello e demais poboación das comarcas veciñas a unha manifestación pública que terá lugar o vindeiro domingo, día 22 de abril, na vila de Ribadeo. Os participantes nela congregaranse na praza de San Roque, ás 12 horas, para partir seguidamente en manifestación polas rúas San Roque, Rodríguez Murias e Vilafranca do Bierzo ata o parque de Santa María, para congregarse nas proximidades das escalinatas do Concello, onde finalizará coa lectura dun comunicado.
A responsabilidade que todos os veciños deste Concello e Comarca da Mariña Oriental temos de intentar ofrecer aos nosos maiores, entre os que sen dúbida estaremos nós mañá, unha solución digna e xusta a este grave problema, que debe estar por encima dos condicionamientos económicos da crise, obríganos a sacudir hoxe a nosa preguiza e dispoñernos a participar todos xuntos de forma activa coa nosa voz e a nosa presenza nesta manifestación reivindicativa.
O noso propio futuro e a solidariedade que debemos ás persoas maiores necesitadas, familiares, veciños e amigos, demandan nosa presenza ese día na manifestación.
¡ACODE Á MANIFESTACIÓN!
Ningún comentario:
Publicar un comentario