Onte tivo lugar la manifestación para pedir a residencia de anciáns en Ribadeo. Como características, que a manifestación foi a maior que se lembra na vila, con cousa de 1 500 persoas asistindo na rúa. Choveu, e iso impideu que todos chegaran ó concello, pero non fixo que a manifestación se viñera abaixo, senón que lle deu carácter, resaltando a petición. Apoiada polos políticos, con representantes de todos os partidos no concello sustentando a pancarta inicial, pero sen o soporte informativo da TVG, que incomprensiblemente non deu nin aviso anterior nin nova do acto. Si asistiu a ORT, que deu cumprida información, como xa fixera do pleno de apoio.
Coido que se poderían dicir moitas cousas sobre a manifestación e a petición, comezando polo comentario de que ganar unha batalla non é ganar a guerra, pero polo momento, conformareime con asignarlle a esta entra o nº 1 sobre o tema, aglutinar información recibida da propia Plataforma e deixar algunha imaxe para dar unha idea do que foi a manifestación:
Comunicado lido ó final da manifestación:
COMUNICADO DA MANIFESTACIÓN
Veciños, hoxe estamos aquí reunidos para pedir unha residencia comarcal para mayores en Ribadeo. Ribadeo e a sua comarca medraron moito nos derradeiros tempos e a actual residencia que temos quedouse pequena para poder acoller nela a tantas personas necesitadas. Os profundos cambios orixinados nas nosas familias e o actual alongamento do ciclo vital, así como a moita xente chegada doutros concellos que abandoaron as súas parroquias natais para afincarse nesta vila e no seu entorno, aumentou moito nesta comarca o número de persoas maiores necesitadas de acubillo. Persoas vivindo soas, abandoadas a súa sorte porque, ou ben non teñen familia que as coide no seu fogar, ou precisan de traballar.
Soamente en Ribadeo hai 815 persoas maiores de 80 anos. Delas, 550 anciáns vivindo sós nos seus fogares, uns con dependencia, outros con demencia senil, e todos eles agardando unha praza nunha residencia da que non dispoñemos. E non esquezamos as preto de 50 personas, familiares ou veciños nosos, que se atopan recollidos noutras residencias, lonxe da súa terriña e dos seus familiares e amigos, chorando a súa soedade. Agotando os seus días noutras terras para eles lonxanas, como Xove, Taramundi, Ferreira do Valadouro, Burela, Foz, Viveiro, Vilalba, Mondoñedo, Castro de Rey, Bretoña, etc., non faltando ainda quen foi a acabar a Quiroga. E todo esto, co gran inconvinte que representa a distancia, o tempo e a custe da viaxe para que os seus familiares podan manter un frecuente e axeitado contacto coas suas queridas persoas maiores. E deste xeito por aí están hoxe espalladas personas que entregaron toda a súa vida ó duro traballo e o esforzo, para que nos poidamos disfrutar hoxe dun mundo mellor. Para todos eles, desde aquí, a nosa cariñosa lembranza. Nosoutros, en troques, os seus fillos e veciños, abusando da súa fraxilidade, pechamos os ollos e deixamos que sexan levados a acabar os seus días lonxe da súa terriña, da súa familia e dos seus amigos, mentras nosoutros, insensibles a súa dor e soedade, ollamos para outro lado ou agochamos a nosa cabeza entre as mantas. Veciños, ¿Son os nosos vellos merecentes deste trato e deste desprezo?
Estamos hoxe aquí para pedir, alto e claro, a quen corresponda, Deputación e Xunta de Galicia sobre todo, a solución deste grave problema. Queremos que Ribadeo figure no posto que lle corresponde no mapa de cobertura de residencias para Galicia. Demandamos que os nosos maiores necesitados poidan ser acollidos no seu entorno de orixe. Esiximos, en definitiva, unha Residencia Comarcal en Ribadeo. Dirannos que non hai cartos. E teñen razón. Non hai cartos para Ribadeo. Pero hainos para outros sitios e para outros investimentos. Porque hoxe, Ribadeo está a ser esquecido fronte a outros concellos con menos poboación necesitada ca Ribadeo e gozando doutras residencias na súa proximidade, das que nós non desfrutamos. E Ribadeo non é mais, pero tampouco menos ca ninguén. Fixeron unha residencia en Viveiro, fixérona en Burela e, parece ser, que a van a facer en Foz. ¿Qué pasa con Ribadeo? Se outros teñen dereito a unha residencia, mais ten Ribadeo.
Veciños, queremos unha solución xusta para os nosos anciáns e, tamén, para nosoutros mañá. E por eso temos que seguir a loitar. E que non se excusen decindo que en Ribadeo non hai lista de espera dabondo que xustifique unha residencia; pois tampouco hai lista de espera para traballar no Corte Inglés, pero é porque aquí non hai Corte Inglés.
E hora de loitar todos xuntos por unha residencia para Ribadeo. E non só polos nosos vellos, senón porque, ademais, o séu destino actual será, sen dúbida, o noso destino futuro, pois como decían os nosos avós, “como te ves eu me vin e como me ves te verás”.
Veciños, non estamos sós nesta loita. Temos a todas as forzas políticas do noso concello, aquí presentes, loitando unidas codo con codo connosco nesta demanda. Expresión da súa vontade foi o pleno do xoves pasado, no que tomaron o acordo de solicitar da Xunta de Galicia a inclusión de Ribadeo no mapa de residencias para Galicia. Esta Plataforma agradécelles a sensibilidade que amosaron ó acoller e facer súa esta demanda do pobo. Nas súas mans poñemos hoxe a nosa esperanza. Para todos eles o gradecemento máis profundo deste movemento popular, que non pretende quitar nin poñer rei. Só pretende arrimar entre todos o hombro na procura deste obxectivo común.
E antes de rematar, quero aproveitar esta ocasión, en nome de todos, para agradecer desde aquí a certos veciños o séu xeneroso xesto de poñer as súas propiedades a nosa dispor para poder levar adiante este proxecto. Son os modernos benfeitores que queren contribuír cos séus propios bens ó benestar de todolos ribadenses. Un verdadeiro ejemplo para todos nós. A eles, pois, o noso agradecemento. E o noso agradecemento, tamén, para todos aqueles que un día foron quen de poñerse en pé para poñer en marcha esta loita.
E da Xunta de Galicia, na que estamos a manter hoxe as nosos esperanzas, agardamos a solución deste grave problema.
E agora, ribadenses, gritemos todos xuntos: RESIDENCIA PARA RIBADEO, XA!
Nota informativa da plataforma de asociacións:
NOTA INFORMATIVA
A Plataforma pro Residencia Comarcal de Maiores agradece a todos os portavoces dos partidos políticos da localidade a súa adhesión e participación na manifestación pro residencia celebrada en Ribadeo o pasado domingo. Nas súas mans, como representantes da vontade popular, poñemos agora, confiados, a continuidade desta demanda, coa constante colaboración e apoio desta Plataforma.
Aos medios de comunicación, tanto escritos como audiovisuales, agradecemos a súa extraordinaria e constante colaboración na difusión desta convocatoria.
E á hora de facer unha avaliación desta manifestación queremos manifestar aos veciños deste concello, tanto do seu ámbito rural como urbano, e ás demais persoas que de forma espontánea se achegaron a Ribadeo para participar connosco nesta manifestación, a súa masiva asistencia e apoio. Se fai xa un ano o pobo do concejo de Ribadeo manifestou mayoritariamente a necesidade dun servizo imprescindible para Ribadeo mediante a achega á Consellería de Benestar de 2 225 firmas solicitando unha residencia de maiores para Ribadeo, non foi menos explícito en manifestar estas mesmas esixencias nesta manifestación ao apoiala coa súa asistencia masiva, pois estimamos que o número dos participantes non baixaba das 1 500 persoas. Pódese, pois, dicir que hoxe se puxo en marcha un pobo que recuperou a sensibilidade de preocuparse polo destino dos seus maiores necesitados.
Somos plenamente conscientes do longo percorrido que nos espera nesta loita. Pero estamos dispostos seguir poñendo o noso grauiño de area na consecución deste obxectivo, coa convicción de que todos unidos nesta loita finalmente conseguirémolo.
En nome da Plataforma de Veciños, a todos o noso agradecimiento.
Na foto anterior, á nosa dereita, José Antonio Ares, e á esquerda, coa cabeza cortada, José Mª Rodríguez, vocal e Presidente da comisión da Plataforma veciñal. No medio, os representantes políticos.
Fotos no facebook.
Ningún comentario:
Publicar un comentario