20120403

Via Crucis

Hoxe amenceu con choiva. Á noite, en cambio, facía unha temperatura abondo mellor que anos pasados en luns equivalente. E foi o día do Via Crucis. Dispúxose un pouco pasada a hora prevista, as dez da noite, e fixo a primeira parada ós poucos metros de comezar. A primeira estación foi aproveitada polo párroco para instar a esquecerse do que non fora o camiño do calvario. A imaxe coa cruz estaba diante da obra do antigo correos, e moita xente, á beira dunha terraza ocupada da que se podían escoitar perfectamente as conversas (que por certo, tentaron falar en voz máis baixa). Na procesión, nese momento, por baixo das cen persoas, aínda que aumentaría algo despois. Un fotógrafo tomando unha foto co cristo debuxándose por diante das casas do cantón. Xente nova da catequese ou da confirmación. E logo, xa dunha certa idade. Dos vinte ós corenta, case o deserto. Preponderancia abrumadora de mulleres. Segunda estación, antes de saír do terreo aberto do parque, na esquina de casa Arango. Aínda está á vista a igrexa, o que fai pensar nunha parada para tomar folgos antes de meterse por rúas que poden estar máis ocupadas que a procesión. Dobra a esquina e a rúa está case vacía. Aínda así, parece notarse a presión. Unha presión, a presión de grupo, que hai anos contaba a favor de participar no evento, recoñecido, con pulo, á beira do poder ... e agora a favor de retirarse del, algo curioso dos indíxenas para os turistas máis que un acto relixioso. Mentras, outro día, os Testigos de Xehová farán a súa propia celebración no seu templo, e pregúntome se os musulmáns de Ribadeo (que os hai) teñen algún acto por mor de compartir unha tradición relixiosa.
Terceira estación, nas catro calles. Un altar pequeno nun portal faise sitio entre as mesas dun local. Pode que se non fora por el, as mesas estiveran como as da primeira estación: ocupadas e vivindo nunha realidade diferente que a xente da procesión. O via Crucis, o camiño do Calvario, prosegue.
Cánto tempo seguirá a procesión? Non se trata de tempo en horas, senón en anos. Despois de moito tempo, a ferida relixiosa (alomenos nesta terra) está na falta de xente de remprazo. Iso levaría a pensar non xa no que escribín no seu momento en 'procesións e fauna', senón dun xeito máis amplo no futuro dunha institución e dunhas crenzas. Pero iso escapa de Ribadeo e do blog.

Ningún comentario: