20120509

Castropol entre nubes. Ribadeo ...

De todos é sabido que a ría de Ribadeo ten magníficas vistas. Tamén o é que as vistas dende a beira en Ribadeo son mellores que as que se observan dende Castropol. É algo que ten dada lugar a algunha anécdota. Aquí queda unha foto de Castropol dende a beira occidental da ría de Ribadeo para amosar esas vistas.

O urbanismo ten algo que ver coa explicación do tema das vistas. Pasou xa a metade do período de alegacións ó Plan Xeral de ordeamento municipal e é previsible que nesta segunda parte se aumente o número de alegacións respecto ó anterior período, e mesmo hai quen di que o total de alegacións sobrepasará ás da anterior exposición. As razóns serían que que os erros observados non foron en xeral corrixidos, e os cambios pedidos non foron tampouco en xeral atendidos, pero, se o foron, en moitas ocasións terán intereses opostos que serán os que reclamarán agora. Por outra parte, ó ver a existencia de alegacións e, literalmente, que non pasa nada por presentar unha alegación, a xente tamén se anima máis a facelo. E máis aínda o ver que non calquera terra vale para calquera cousa, como antes se pensaba, saltando por riba do que fora. Por certo, quizáis os erros non foron corrixidos porque a empresa encargada é a mesma da vez anterior, e da da anterior ... que voltou a facer sen pisar moito o terreo, tirando dos datos e facendo rendir unha vella inversión. O que pasou coas variacións de tipo de chan da outra vez a esta, iso xa é diferente, e entraría dentro dos cálculos políticos e técnicos, pero ... coido que segue sen propoñerse nas indicacións iniciais un modelo claro para Ribadeo, co que as alegacións serán en plan particular, sen unha visión xeral, e respostadas do mesmo xeito. E as visións particulares xa sabemos o que teñen: salvo excepcións, defenden o particular, non o xeral.
Dito o anterior, as novas antes das municipais (antes aínda chegouse a pensar en deixar todo ben atado antes das eleccións) eran que no primeiro tramodo mandato quedaría listo o PXOM. Agora parece que non vai ser así. Sairá neste mandato, alongarase ata o próximo ou haberá que facer outro?

Ningún comentario: