20120528

Partidos partidos

Semana aciaga para algúns partidos de Ribadeo. Ben, quizáis aciaga non sexa a palabra, porque tamén abriu portas de esperanza, pero cabe distinguir que os partidos ós que me refiro non foron os que protagonizaron os encontros de veteranos que produxo o campionato internacional (1 equipo do Reino Unido e 2 de Portugal) que inundou a vila esta fin de semana, senón ós partidos políticos.
E é que mentras UPRi como partido segue desaparecido, e o BNG non deixa traslocer nin fisura nin acordo tras a rotura a nivel galego e mesmo non di palabra fronte a reorganización de forzas alternativas, os últimos días si marcaron diferenzas no PP e PSOE.
No PP, a existencia dunha xestora que pasa a tomar o mando local leva á intervención do aparello provincial para facer saír dita xestora. Quizáis sexa algo norma na vida dalgunha das agrupacións locais, pero nun concello de 10 000 habitantes que se solucione dende fóra poñer punto a unha situación determinada non é doado de encaixar. Máxime cando portavoz e concelleiros e concelleiras electos non aparecen en primeiro termo na xestora, e máis aínda se cabe despois de haberse manifestado con anterioridade algúns puntos obscuros para os observadores de fóra do partido, como o pulso entre afiliados e estrutura para que M. Valín saíra como candidato nas últimas eleccións. Quizási soe moi forte dicir que a agrupación local foi intervenida pola estrutura provincial, pero dalgún xeito, así o é nun caso como este.
No PSOE, esta fin de semana foi a xuntanza para a elección de cargos na nova directiva provincial. 59 cargos, 5 mariñanos. Non é que se teñan que distribuír proporcionalmente os cargos, pero para unha poboación que representa 1/4 da provincia, que se asignen 1/12 dos cargos, dende fóra parece algo desproporcionado. E que entre eles non haxa ninguén de Ribadeo tamén incumpre a proporcionalidade estatística en canto a poboación, se ben non tanto en canto a votantes. Unha certificación máis de que a agrupación socialista de Ribadeo viviu tempos mellores. A lembrar neste caso os últimos movementos de renovación que saltaron á prensa, fallidos polo momento.
Son consciente que dende dentro das estruturas as cousas vense diferente que dende fóra, coa pouca información que chega. Pero é que resulta que a maioría de xente está fóra desas estruturas ... aínda que se vexa influenciada na súa vida, e moito, polo que se deu en chamar 'partidos políticos'. Nestes casos, máis 'partidos' que 'políticos'.

1 comentario:

agremon dixo...

Acompaño ó anterior unha nova un día despois: a entrevista a andina na Voz, que estibo da unha visión que casa ben abondo co dito no artigo: http://www.lavozdegalicia.es/noticia/amarina/2012/05/29/me-explico-pp-provincial-me-destituido-/0003_201205X29C5996.htm