A historia en Ribadeo (ás veces) parece que se vai escribindo cun sorriso nos beizos.
Onte fíxose patente esa parte e tamén algunha menos sorrinte. Un pleno que comezou con 12 edís dos 13 rematou con 10. Cando cheguei (tarde), un total de 12+3+4 persoas (concelleiros, persoal municipal e público), e, ó final, 10+2+1. Cada unha das tres compoñentes coido que daría para falar do tema por separado, e algo comentarei ó llongo de varias entradas, pois un pleno de 4 horas (case) da para comentar. A pesares de que non considero que fora especialmente complicado na temática.
Como outras veces, comezo polo final. Porque desta volta, si se contestaron, -repito, a partires das 23:59- algunhas preguntas do Tesón. Algunhas, que a base de retrasar as respostas, coido que aínda quedan (as de abaixo foron feitas para o pleno de xaneiro). As preguntas contestadas:
1.Dada a perda cultural e identitaria en curso das Terras de Ribadeo, co uso do nome da Reserva da Biosfera - Rio Eo-Oscos "y Tierras" de Burón (carteis na rotonda dos Irmandiños, Autovía, e moitos outros lugares mercede ós fondos do Ministerio de Fomento ou o de Medio Ambiente, variacións patronímicas diversas debidas á Xunta de Galicia, continuación da designación de Río de Ribambo ou Obeso en Google Maps, a noticia de que se está 'cerca de Castropol' ou que se vive en Ribadeo-Asturias se se usa Facebook, etc, solicitamos coñecer se existe unha política da alcaldía en relación a dito tema.
2.Tendo en conta a finalización das obras da Fábrica de Alxinatos e a súa promoción xunto co paseo, que teñamos noticia aínda ambos sen entregar, pero usados puntualmente, solicitamos coñecer o destino que se pretende ó edificio remodelado.
3.Dada a ausencia de novas sobre o estado e recuperación das vidrieiras da capela do cemiterio, solicitamos coñecer en que estado se atopa a delimitación de responsabilidades, os pasos para a súa reposición e a posibilidade de usar a Fábrica de Alxinatos ou outro lugar para facer unha exposición dos restos.
4.Despois de ter nova recente da finalización de obras para ter un campo de céspede artificial nos terreos do C.P. Gregorio Sanz por un importe abondo superior a cen mil euros, solicitamos coñecer as partidas de cartos propios ou doutras entidades, dispostas para as más necesarias obras na casa do xulgado, o comezo da residencia de maiores ou a participación do concello nas tamén necesarias obras da Torre dos Moreno.
As respostas ás preguntas anteriores, dun xeito sucinto:
As queixas de Google maps están subsanadas dende onte mesmo.
No mesmo paquete, pero anteriormente, ía 'Obeso' por Ove ... Comezou o alcalde sinalando que a política é a que ven establecida polo uso do galego, segundo a normativa presente na páxina web, e que o que fan as empresas particulares ou outras administracións non é responsabilidade do concello. Non obstante, tenta actuar, e así, xunto co dito de Google, logrouse o cambio en google maps tras un proceso longo porque non é doado poñerse en contacto dun xeito adecuado coas empresas de internet, e puxéronse en contacto coas institucións e o cartel da autovía xa está en galego, pero os datos de facebook, asignando partes do concello a Asturias ou relacionándoo con el, aínda está por corrixir. Asemade, o comunicado a Feijóo polo cartel sobre o 'río Eo' en troques de Ría de Ribadeo que está perto da confraría tamén está por corrixir, tras facer oídos xordos.
Respecto a alxinatos, remítese a unha xuntanza futura cos portavoces dos grupos, ós que emprazou onte mesmo.
En canto ás vidirieiras, algo máis ou menos coñecido xa, pero más claro. Foi dirixido polo concello un escrito formal á asoc. Ponte dos Santos, quen reclamou á aseguradora, con resposta de que non lle compete a ela, co que posteriormente entrou en vía xudicial. Cabe aclarar pola miña parte que, no que respecta á pregunta de O Tesón, esa sería a resposta só a unha parte, pois sobre responsabilidade non houbo mención algunha na resposta.
En canto ó xulgado, estritamente é do concello, pero con usufruto por parte xudicial, o que crea ó parecer un vacío que non amaña as cousas. A residencia tivo unha resposta máis sinxela: non estamos en tempo, pois aínda están as cousas moi verdes (o de verdes púxeno éu de xeito gráfico, non foi verba empregada polo alcalde). E respecto á Torre, 35 000 € foron os fondos empregados polo concello no pasado exercicio. Coido que non quedou patente pola resposta do alcalde algo que saíu no pleno a conta doutras cousas: as diferentes preferencias de emprego dos cartos en relación con diferentes necesidades do concello non cubertas. Non obstante, a ausencia de citación deses criterios é abondo para poñer ás claras que os criterios empregados ás veces non corresponden á urxencia das actuacións.
Así pois, como outras veces, continuará. Nos temas que restan e tamén nalgúns dos temas respostados.
Partes II e III.
1 comentario:
Unha entrada sin desperdicio. Informacións a cada cal máis interesante. Alégrome especialmente polo de Google Maps, eu aínda non me dera conta. Un saúdo.
Publicar un comentario