Onte mesmo a mobilización de alcaldes deu algo máis de visibilidade á crise xa vella do sector leiteiro. Din que o leite págase en Galicia mesmo varios céntimos máis barato que en Asturias, ou que están a producir uns dez céntimos máis caro do que son capaces de vender. É dicir, producindo a perda: non negocio, senón desastre, que implica ademáis que canta máis producción, máis desastre.
Pero unha explotación gandeira nin pode dicir algo así como 'vaquiñas, vóuvos facer un ERE, e se a situación mellora nuns meses, voltamos á normalidade'. Non, a lóxica é diferente. Implica aguante e descapitalización mentras se poda, e logo, en caso de non poder, peche, sen posibilidades de recuperación.
As explotacións gandeiras ademáis, son conscientes de que na loita de lograr mellores prezos, levan varios anos definíndose como non rentables, o que provoca un certo cansancio nos ouvintes receptivos, e failles preguntarse se é para tanto cando seguen adiante co tema. A cousa coido que prantéxase como aquelo de 'tanto foi o cántaro á fonte, que rematou por romper'. E os ouvintes estarán xa afeitos ás queixas, pero o aguante ten un límite.
Outra cara ven de man dos camiños de ferro. FEVe, previo á unión con RENFE que se prantexa, quere suprimir viaxes por mor de non ser rentables. E aquí, a parte do trastorno social que fai na zona, na que moita xente quedaría sen posibilidades de ida ou retorno para aproveitar as mañás, perdendo mesmo servizo sanitario ou posibilidades turísticas de xente que usa o tren como desprazamento cara as praias, coido que se produce un efecto como o do recorte de soldo e cantidade de funcionarios: como está amosado, contraproducente.
Esplícome: se se reducen viaxes, sen posibilidades de reducción da infrastrutura (hai que manter liña e estacións), significa que os custes asociados serán relativamente maiores en relación cos ingresos, ergo, a liña máis deficitaria e entramos nunha espiral que pode levar á desaparición da liña, ó igual que leva sucedido xa tempo atrás con liñas noutros lugares. Algo que implica o abandono dunha estrutura que ademáis se volve irecuperable para as súas funcións iniciais salvo a inxección posterior de grandes sumas.
Pero, mentras, quedamos máis desabastecidos, desfavorecendo a zona en competitividade e benestar fronte a outras con mellor servizo. Iso é máis crise.
Ningún comentario:
Publicar un comentario