20120725

Non se escoitan os rumorosos

25 de xullo, e non se escoitan os rumorosos.
Quizáis porque os pinos de Pondal foron substituídos por eucaliptus ou cálitros, o rumor xa non é o mesmo.
Pode que a falta de entendemento veña de que a Galicia de hoxe ten pouco que ver coa de hai tempo, ou porque os galegos (si, coa coletilla de 'e galegas' para quen lle faiga falla) non só escreben máis na lingua de Cervantes que na de Rosalía, senón que tamén falan máis na de Machado que na de Castelao -aínda que Machado fixera os seus piniños en galego e Rosalía algo máis que pinos en castelán-
Ocórreseme que sexa porque a costa verdecente onde se atopaban os rumorosos agora xa só deixa escoitar galernas entre os ocos dos edificios.
Mais, chegados un pouco máis adiante no himno, ó escoitar os atributos dos non entendedores, téñoo máis craro: teñen importancia as causas anteriores, si, mais en particular non se escoitan os rumorosos polos atributos de quen estaría en mellor posición para escoitalos e obrar en pertinencia. Sobresae o ruxe ruxe do frotamento dos cartos uns contra os outros, e do roce familiar e doutras influenzas, nun recinto a salvo de rumorosos e do pobo que os pode escoitar. Sobresaen os pensamentos de docilidade a unha estrutura. Sobresaen os feitos de non ser menos nin igual que ó da beira, e menos colaborar con el no balbordo ...
Que fermosa terra e que carallo de xente! é unha expresión que escoitei tempo despois de chegar a Ribadeo a outro vido do interior de Galicia, como extremo dun dito que tiña recibido en diversas versións menos súbitas. A terra é fermosa, pero a xente podemos facela máis o desfacela. Non se trata de perseguir rumores, senón de atender ós rumorosos.
Mentras, feliz Santiago, que a ansia de felicidade define ó ser humano.
-
Un engadido posterior:

A foto, collida de  http://a.yfrog.com/img532/6194/9akvx.jpg a traverso de Lourenzo Fdez. Prieto, coido que vai un pouco máis aló do que escribín, din que está tomada esta mesma mañá en Bonaval.

Ningún comentario: