20120719
Nota de prensa do comité de empresa do concello de Ribadeo (de 20120718)
O Comité de Empresa de Ribadeo diante das medidas aprobadas polo Goberno municipal en materia de horarios e funcións dos traballadores do Concello quere manifestar o seguinte:
1.- As medidas aprobadas foron comunicadas aos representantes dos traballadores en sendas Mesas de Negociación que de negociación só tiñan o nome pois a actitude do Goberno Municipal foi de imposición das mesmas .
2.- Os traballadores do Concello estamos fartos de que o Alcalde utilice os medios de comunicación para denigrar a nosa imaxe e presentarnos diante da opinión publica como uns “vagos e maleantes”. No máis puro estilo populista, máis propio de dirixentes conservadores que dun representante dun partido progresista e de esquerdas, o Alcalde dia si e dia tamén carga contra os traballadores nos medios facéndolle un fraco favor á imaxe dos servizos públicos, e contribuíndo a caricaturizar a nosa labor. Isto ten mais gravidade sendo el,tamén, un traballador da administración local. Non era a nosa intención contestar a estas provocacións diante dos medios, pois entendemos que iso é o que o que el pretende , pois parece comulgar coa ola neoliberal imperante que carga contra o sector publico e os seus traballadores.
3.- NON temos ningún problema,e así llo manifestamos reiteradamente, en que se controlen os horarios e se cumpra coa xornada estipulada no convenio, faltaría mais, pois estamos convencidos de que isto xa se cumpre na inmensa maioría dos casos. Se existe algunha conduta incorrecta será de xeito excepcional e ten capacidade de sobra o Alcalde, como Xefe de persoal, para corrixila polos medios legalmente establecidos. Esa é a súa responsabilidade.
4.- Mostra da súa mala fe negociadora foi a denuncia que fixo do Convenio Colectivo o mesmo dia que nos presentaba as reformas de horarios e funcións. O Estatuto dos Traballadores establece a obriga de constituír unha comisión negociadora no prazo dun mes dende a denuncia do convenio, e o Alcalde negouse a convocala, mesmo despois de solicitarlla nós por escrito. A nosa pretensión era negociar as modificacións de horarios e funcións dentro desa comisión, como é lóxico, pero o Alcalde demostrounos que a denuncia do convenio era unha manobra para chantaxearnos e presionarnos para aceptar as súas propostas.
5.- O Alcalde acóllese así ás reformas que dende o goberno do Partido Popular se están levando a cabo, e eríxese en abandeirado das mesmas. Critica na rúa e nos medios unhas reformas que con entusiasmo e prontitude aplica, antes, incluso, que outros alcaldes de distintas cores políticas.
6.- A famosa coletilla que incluíu en todos os postos de traballo da RPT coa finalidade, segundo el, de que todos os traballadores deban facer calquera función, vai dar pe á arbitrariedade e a posibles abusos por parte dos responsables municipais.
7.- Sabemos que, desgraciadamente, a nova lexislación laboral fai posible que dentro da administración se tomen medidas contra os dereitos adquiridos dos traballadores públicos, medidas que lonxe de mellorar os servizos ou provocar aforro aos contribuíntes o que pretenden é aumentar o poder e a discrecionalidade dos gobernantes de turno. Intentaremos polos medios legais defender as nosas teses, sen caer en practicas de descualificación nin entrar en polémicas que o único que fan é contribuír a deteriorar a imaxe do sector público ao que pertencemos.
8.- Sentímonos decepcionados cun goberno municipal que lonxe de buscar solucións dende o dialogo o fai dende a imposición e a descualificación, que lonxe de poñer en valor diante dos veciños de Ribadeo a importancia e eficacia dos servizos públicos do Concello dedícase a desprestixialos, que lonxe de defender uns servizos públicos de calidade parece empeñado en sentar as bases para a súa desafección na sociedade e a futura desaparición e privatización. E todo isto vindo dun goberno de persoas que presuntamente deberían defender todo o contrario parécenos aínda máis grave.
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
Ningún comentario:
Publicar un comentario