20120804

Marcas

   Publicado o 19961231 na sección de A Mariña / El Progreso, e premiado pola Asociación de Consumidores, lembreime do artigo hoxe mesmo a conto dunha nota en Facebook de Suso López, en relación a iste artigo da Vanguardia. Aí vai pois ...  

Marcas 

   As primeiras marcas das que oín falar pode que foran as de gaseosa, pola competencia entre "La Casera", "La Revoltosa" e outras moitas menores. Non é que as marcas comerciais non existiran, é que non se identificaba o nome correspondente como se fai agora. Daquela, unha camisa era unha camisa, a secas, e os traxes facíannos os xastres, que non lles poñían marca, aínda que fora común o etiquetalos con algunha referencia. Logo, ese pequeno plantel de nomes comerciais que soaban foise ampliando a moitas outras cousas. Hoxe todo ten marca e conóceselle, dende os coches que ate cativos de dous anos recoñecen pola rúa, identificándoos co nome e logotipo, ós patíns, por rematar con outra cousa con rodas. 

   Nembargantes, as marcas como posesión oínas con posterioridade. Tampouco sabería dicir ben cando foi, pero creo que primeiro oín das marcas do gando e logo as do Imperio Carolinxio: ambas son expresión dunha pertenza. Moito despois oín falar, via tele, das marcas que fan os animais para delimitar o seu territorio, ou, aínda máis tarde, as marcas que lles corresponden nos humanos para marcar sociolóxicamente "o noso terreo". 

   Hoxe, que as marcas comerciais nos invaden porque todo son produtos manufaturados baixo unha "marca", atopámonos con que manifestan a posesión pero con orientación diferente, relacionado con esas marcas de compravenda. Fai xa algún tempo que os "niños pijos" comezaron a levar prendas "de marca". O fenómeno parece que se foi extendendo a grupos sociais cada vez maiores, cobrando importancia non só en temas de roupa, senon tamén en coches, bebidas... aumentándose como signo de diferencia a outros máis antigos: dende hai tempo, a xente "que pode" tratou de diferenciarse "dos comúns" por pequenas minucias como poder ter unha xoia máis ou aínda non só posuir un iate, senon con grifería de ouro. 

   Aínda así non deixan de chamar a atención particular cousas como aquelas vestimentas que poñen algo así como "property of ...", naturalmente, en inglés e cun nome a continuación que soa a alén das fronteiras aínda que sexa do pé da nosa casa. Eso de levar roupa cun letreiriño indicando que son propiedade de algo ou alguén lémbrame ós homes-anuncio que teño visto nas películas americanas cun cartel por diante e outro por tras anunciando calquera cousa. Aínda así, aqueles homes anunciaban algo, non a súa pertenza cal escravos a unha marca comercial. Xa lle teño tomado o pelo a algún/algunha que anunciaba a súa propia negación persoal dese xeito, a modo de dependente dun imperialismo económico. Con ese imperialismo, naturalmente, entran ideas, o capitalismo que as mantén e outra lingua. En particular, unha idea: a de ser propiedade dun nome, por contra a ter nós en propiedade o noso propio nome... 

   Así, os tempos de "ser do atleti" ou "ser do barsa" non pasaron, pero están deixando ver outras pertencias non tan anunciadas en conversas como vistas no comportamento e polo tanto, socialmente tan ou máis importantes. A invasión da economía en tódalas esferas da vida estase manifestando por detalles como este das marcas. Cabe alegar que estas "minucias" non son máis que a manifestación dunha maior socialización. E estaría dacordo con que a marcaxe dun territorio implica para as persoas unha elaboración cultural e que non ten por que significar ningún tipo de invasión nin perda de persoalidade... se non fora porque o mesmo xeito de marcaxe referido non é propio, senon mercadoría, e non implica construír algo para delimitar o territorio, senon sinxelamente un poder mercar imitable e imitado. E esa característica, o ser imitable, limita a marcaxe a unha pertenza ó "club" dunha marca, sí, pero do estilo da señal que o "señor do rancho" pon ó seu gando. Así se explica que hoxe as marcas comerciais supoñan para os fabricantes un activo superior ó das fábricas; de feito, moitos non teñen tan siquiera fábricas propias. ¿Que importa, se teñen a posesión dos compradores?. 

   De calquera xeito, non se poden olvidar outras marcas divisorias máis arraigadas: Non esquezo que fai pouco tempo presenciei como unha rapaza, emparentada co propietario dun bar, negábase a entrar noutro, alegando sinxelamente "eu aí non podo entrar". Teño visto sinais semellantes por enemistade ou calquer outra fruslería. Delimitación do territorio novamente. Enfrontamentos que non son da mafia pero lembran a aqueles. 

   E no medio de todo isto, ¿Onde queda o sentido de posesión propio? ¿Onde queda o ser persoa fronte ó ter unha ou outra cousa?. Erich Fromm, que escribiu fai xa trinta anos un libro, '¿Ter ou ser?'*, titulou outro 'O arte de amar'**. ¿Terá relación a marca e a pasión? ¿ou existirá máis ben entre o ser e o ser capaz de amar por encima de marcas e divisións?. 

 * To have or to be

** The art of loving

Estatuíña Premio da AGC


Ningún comentario: