20120907

A voltas coas festas: "Festas da patroa 2012. A festa vai por dentro"

Por iso de que andan a pedir algunha colaboración sobre as festas, aí vai a que escribín eu para 'La Voz':

Festas da patroa 2012. A festa vai por dentro
Mirando a previsión antes dunha festa, pensamos no que faremos, como desfrutaremos ... e ilusionámonos ou desilusionámonos de antemán. Visto así, coido que é mellor cavilalo en pasado: que se lembrará das festas de 2012?
Como se dicía das feiras, cada un falará das festas segundo lle vaia nelas. E, moito tempo adiante, terán relevancia só os carteis e folletos de man, os xornais desta época e o que se conserve audiovisual ou escrito noutros medios. Un pouco antes, é posible que teñan relevancia algunhas testemuñas orais, máis que nada, porque serán a 'fonte de información de primeira man'.
Pero, aínda antes, coa lembranza máis recente -poñamos nun lustro ou aínda nunha década- o que se recollerá en xeral será o que queda na propia memoria, o vivido por cada un de nós nas festas, sen remitírmonos a outras fontes de información. É dicir, o que nos importou a nós mesmos.
Entón, dende antes do día da patroa, hoxe, día 4 de setembro, a cousa non está moi clara: faltan os días de festa grande para xulgar. Aínda así, as festas parece que tiveron puntos que se lembrarán: a polémica sobre quen ía facer o pregón ou a espada de Damocles pendendo sobre a propia realización das actividades festeiras, primeiro sobre o conxunto, logo sobre partes, fará que poidan ser lembradas como 'o ano da polémica das festas'. Mais, dun xeito ou outro, a polémica xorde de xeito natural ó xulgar as actividades nas que participa moita xente, o que fai que o tempo relativice a cuestión.
Así, a pesar do anterior, cadaquén terá a súa vivencia, a propia, a que lle servirá de referencia, a que lle fará sentir 'eu vivín esas festas', a que fará que estes días lle sexan propios. Pode que sexa sinxelamente pola visita dun amigo nun momento inesperado, ou por ser as últimas antes da partida a traballar ou estudar lonxe, ou por ser o momento no que cristalizou o amor, ou ...
Os motivos, cadaquén terá o seu, dispoñendo dunha morea de posibilidades. Pode que os máis próximos conecten con eses motivos que temos cada un ou que o quede reservado para nós. En calquera caso, o que non dubido é que a impronta destas festas quedará. En Ribadeo, si, pero en particular en cada un de nós, facéndonos lembrar as festas do 2012 como aquelas nas que ... máis aló do que poda saír nos papeis, e tendo como límite só a nosa capacidade de desfrutar, de sentir a vida, de sentir a festa. 'Que a festa te acompañe' ...

Ningún comentario: