20120908

Día grande

Oito de setembro. Dia grande das festas. As festas foron 'as festas do oito'.
Este ano tiveron un prolegómeno do que non vexo que polo momento se faga eco o xornal: a rotura do pao que soporta a vela do Juanín, na rotonda do instituto (agora si, xa Instituto de Ribadeo a secas). Onte saltou na rede, en Facebook. Pasara pola rotonda xa dúas veces e non me fixara: o tráfico necesita atención. Pero o cuidado das cousas de todos, tamén. Abondou unha noite de troula para que non se notara que estivo exposto ó paso dos estudantes moitos días sen que sofrira, mentras se facía un oco no espazo mental ribadense.
E tamén na rede, o primeiro que vexo esta mañá, unha queixa polo ruído de onte á noite. 'Teño que traballar', di. Un consello: comeza a protestar con xeito. Entre o 93 e o 2012 van 19 anos. Os que levo acompañado do ruído de noite. Pero isa é outra historia.
O día comezou de noite: os fogos do sete. Os que non ía haber. Hóuboos. Tamén a nota/bulo de que variaban de hora para a unha. Foron ás doce.
Hoxe, virxe procesionaria con música de banda. Despois, a banda en concerto. Onte, a parte da orquesta no campo da festa, música no Cantón. Non estiven no feiral: alguén cree que podían competir coa xente do Cantón, se exceptuamos en decibelios?
Día grande de calor pegaxoso. Veremos como transcorre o mes, pero iso, máis adiante. Hoxe, día grande.

Ningún comentario: