20121001

De viaxe

Unha crónica tranquila:
Este fin de semana O Tesón foise de viaxe. Curta, só a Mondoñedo. Intensa ó tempo que tranquila, aínda que con algún susto.
19 persoas collemos o autobús e en xeral tivemos unha primeira impresión do trazado da autovía ó ser contemplada a costa dende o alto dun autobús e non dende turismos.
Mondoñedo sempre reserva algunha sorpresa. Nas súas rúas, a catedral, os Remedios, os Muíños, o Museo catedralicio, o Seminario, ... algúns exemplos:
O Bispo Veres non tiña cara para nós. Agora, a rúa de Ribadeo xa a ten mercede a este retrato que se conserva no Seminario, e un pouquiño da súa historia tamén, como emigrante a México ...

O Bispo Sarmiento soa máis; é un apelido máis coñecido en Galicia. Saber que os seus ósos descansan nos Remedios, dos que foi benefactor e reconstrutor, xa é algo que non é moi extendido en Ribadeo. E quizáis, menos o feito de que mandara que o seu enterramento fóra na entrada para que todo o mundo o pisara ó pasar. Algo que ós poucos anos foi desobedecido para construírlle este lateral que se ve na foto.

O Cemiterio de Mondoñedo coido que pode cualificarse como bonito. Unha vista parcial testemúñao, aínda que neste caso o enfoque ten naves ó fondo, cousa que non é moi representativa nin de Mondoñedo nin do cemiterio. O poñer un conxunto de tumbas e non a de Pascual Veiga, a de Cunqueiro, ... por separado ten unha razón sinxela: o número de xente de certo renome que está soterrado alí.

Non sei outra xente, pero a min sorprendeume ver nunha talla de cousa de tres séculos atrás un gaiteiro tocando nun nacemento a modo de substito do coro e trompetas celestiais ... o gaiteiro, na parte inferior dereita do cadro, axeonllado, está tamén nos Remedios, na parte sur da cruz da planta da igrexa.
A parte, houbo outras cousas que a viaxe e a comida propiciaron. E a falta de tempo fixo tamén que quedaran outras cousas por ver.

Ningún comentario: