¿QUE E UN PORNA?
Dende hai varios anos vimos insistindo na necesidade de que a Ría de Ribadeo conte con un PORNA, pero coido que nunca explicamos o que significa esta palabra.
PORNA son as iniciais de PLAN DE ORDENACION DOS RECURSOS NATURAIS.
¿E qué importancia ten ésto de ter un Plan de Protección dos Recursos Naturais da Ría de Ribadeo?. Para respostar a esta pregunta hai que botar man do sentido común e mais da lexislación vixente en materia de medio ambiente.
O sentido común dinos que esta ría é un espacio que compartimos varios miles de persoas e hai unha serie de actividades como son os recheos, os verquidos, os portos, as industrias, as obras, os deportes, o marisqueo etc. que xeneramos as persoas. Vivimos a carón da ría e vivimos da ría e queiramolo ou non, xeneramos unha contaminación e un deterioro do medio natural derivado do tipo de vida da sociedade moderna. A custión é a seguinte: ¿Queremos facer algo para conservar este medio natural ou pensamos que non é necesario molestarse porque a ría pode con todo?. Facer “algo” significa establecer unhas normas de protección para conservar o que hai e que cadaquén non teña barra libre para dispoñer ao seu antoxo do qué pertence ao conxunto da sociedade.
Vexamos o estado da legislación vixente. No ano 1989 aprobouse unha lei de Protección dos Espazos Naturais, posteriormente derogada e ampliada no 2007 (Lei 42/07 de 13 de decembro, BOE 14-12-07). Estas leis obligan ao goberno español e aos gobernos autonómicos a redactar eses plans de protección que chaman PORNA. Ademais a lexislación europea tamén exixe a redacción destes plans de protección para os espazos naturais incluidos no Rexistro de Zonas de Especial Protección de Aves, Convenio RAMSAR, Rede NATURA 2000 e Reserva da Biosfera.
De xeito moi resumido o PORNA é unha norma de obligado cumplimento que debe establecer unha serie de elementos naturais, biolóxicos, paisaxísticos, culturais, urbanísticos, etc. que deben ser preservados para o futuro e as actividades humanas estarán controladas e deberán respetar estes elementos e adaptarse a esa norma. Por exemplo as normas urbanísticas municipais teñen que adaptarse ao PORNA.
O primeiro problema que temos é que dende 1.989 ata hoxe non hai nengunha proposta ou proxecto dos gobernos autonómicos, do goberno español, dos partidos políticos ou das maiorías ou minorías dos parlamentos e dos concellos que prantexasen a necesidade e mais a obriga de acadar esa norma de protección. Por decilo dalgún xeito existe un consenso negativo para eludir este plan de protección. Porque xa pasaron 23 anos dende marzo do 89, e xa pasaron polos concellos, polos gobernos e polos parlamentos varios centos de persoas e duas ducias de partidos políticos e resulta moi choqueiro, por non dicer sospeitoso, que a ninguén se lle ocorrese prantexar esta custión. Mesmo, cada pouco celebránse xornadas e xuntanzas sobre medio ambiente, acuden conferenciantes a nivel de cadeiradegos, directores xerais, directivos de sociedades ecoloxistas de sona mundial pero ninguén fala e ninguén escoita a necesidade de ter unha norma obligatoria de protección.
O segundo problema, que interactúa co primeiro é que nas sociedades humanas que habitan a carón da ría hai moi pouca información e escasa sensibilidade sobre a necesidade de ter unha norma de protección que suliñe os valores positivos a protexer e mesmo impida obras e verquidos como que o que denunciamos recentemente.
A miña impresión persoal é que un colectivo organizado, chámese plataforma ou como se queira, segue sendo absolutamente imprescindible para conseguir algún ano destes unha mínima mellora do actual estado da ría.
Evaristo Lombardero Rico.
Ningún comentario:
Publicar un comentario