É un pracer comunicarlle que o concello xa ten dispoñible na súa web propaganda sobre o pleno de hoxe.
Non crea vostede que é cuestión de pouco, cando se fixo xa vox pópuli polo boca a boca a realización do pleno debido quizáis a que é plantexada a aprobación definitiva do RTP, a relación de postos de traballo da institución, que pasa por ser a maior empregadora do ámbeto local.
Podía vostede estar equivocado (ou equivocada) sobre a intención de poñer en coñecemento do pobo o que se trata na casa de Ibáñez. Non, os asuntos públicos rematan sendo públicos (máis ou menos), aínda que sexa a destempo, e para dar información do pleno debe haber algún papeliño na maraña branca que hai colgada na entrada á casa de Ibáñez. Así, neste caso, xunto co tema da relación de postos do concello, tratarase tamén do pavillón deportivo parado. Quizáis o que esteña parado, cun concurso empresarial por medio, e sen visos de finalización en breve a pesares de que estivera prevista xa para xullo teña que ver con que agora se trate o tema. É posible tamén que ninguen se decatara ata o momento porque é a entidade provincial quen o financia, cun equipo de goberno participado polo partido que ata agora ocupa nominalmente tamén o goberno local, onde non afectaron as divisións partidarias que algúns teñen vivido a nivel Galicia hai uns meses.
E, estimado lector, saiba vostede que hai outro terceiro punto incluído nos temas a tratar no pleno, pero como non debe ser tan importante ou lustroso, non aparece na nota e polo tanto, para que poñelo aqui?
Saiba tamén vostede que o pleno celebrarase ás 20 horas deste venres, hoxe, coincidindo con algunha outra actividade como o co cine forum de O Tesón. Si, notouno vostede: eu tamén fago propaganda aquí dalgunha cousa na que estou involucrado ou pola que teño simpatía. Pero ben, hai que disimular: aí está tamén a inauguración dun novo local de accesorios musicais á mesma hora. E como venres que é, en Ribadeo, case seguro que hai aínda algunha outra
actividade. Mais, vaia ó pleno se nunca foi: aprenderá xeitos transparentes como a luz das estrelas a traverso dos vidros do pazo de Ibáñez, seguramente terá longas horas para deleitarse coas idas e voltas de intereses partidarios inmediatos cun verniz de puntillosas miras ribadenses. Poderá ver o magnífico salón de plenos cun marmurio de fondo que guiará o esprito a cotas máis elevadas de participación social. Só procure outra alternativa no caso de que quera enterarse de posibles xeitos de manipulación a traverso da imaxe, ou que sexa dos que queren poñer en valor os harmónicos sons musicais.
Estimado lector, vostede decide. Por certo, e do goberno? Do goberno, falaremos outro día.
Ningún comentario:
Publicar un comentario