Coido que sería máis adecuado dicr 'sobre a protesta', da que a folga só é unha parte. En Ribadeo, algúns locais cerrados , a grande maioría abertos, e dos cerrados, algúns só parte do día. Moi alta incidencia a folga de alumnos no centro integrado de formación profesional, que estivo vacío, e desigual no novo IES de Ribadeo, con folga total no 2º de bacharelato e envío á clase da grande maioría dos pequenos de 1º ESO. O mercado celebrouse máis ou menos con normalidade, aínda que con menor afluencia de xente, e coido que de cara ás novas, por iso de ser unha acción única, tivo máis importancia a ocupación un pouco de tempo antonte da antiga Caixa Galicia por un grupo do BNG que todas as accións ribadenses de protesta de onte.
Dúas manifestacións, unha pola mañá e outra pola tarde, recorreron Ribadeo (a pesares de que moita xente foi á cualificada de masiva manifestación en Burela) como testemuña, con escasa participación que contribuiu a que parte da xente ó paso mirara como se se tratara dunha anécdota desnortada, ou que algún individuo se sentira apoiado para descalificar de calquera xeito ós participantes.
Houbo outros métodos de protesta. Aí está a folga de consumo, que me resulta difícil de avaliar nestes momentos, ou na inactividade no traballo.
Certamente en Ribadeo a protesta de calquera tipo estivo por baixo da media estatal, e por iso dende aquí é máis doado preguntarse para que serve unha folga.
Ben, de novo, diría protesta, non folga. E internacional, non en Ribadeo. Paréceme evidente que o contexto é fundamental para a apreciación da importancia ou da repercusión. E unha protesta, calquera que sexa, non serve para nada aparentemente se non se logran os obxectivos, como se fora unha cousa dixital: ou 1 ou 0. Pero iso só é en apariencia, pois pode contribuír a unha consecución adiada e/ou parcial. E toda protesta contribúe algo nese sentido. Toda. Non se trata do dereito ó pataleo, e hai na rede abondos lugares onde atopar razóns para a folga.
Chamoume a atención onte nunhas novas que a locutora dixo algo así como que, entre os motivos de protesta, había quen o facía por motivos propios, sen citar o facelo pola comunidade. É dicir, en defensa do status propio. Naturalmente, pode darse, pero cunha parte importante de xente con motivos desa índole, calquera protesta levará a lugares indesexables, e coido que aínda que evidentemente no sentido de que cada quen conta cos seus propios motivos, a protesta é individual, onte os motivos estiveron integrados nunha sociedade que sofre, non nos millóns de persoas que sofren como parte dese todo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario