20121221

Comentario á presentación do libro de Camilo Nogueira

Onte fun á presentación do último libro de Camilo Nogueira, Para unha crítica do españolismo, na Casa das Letras e da man da AC Paco Lanza.
Apreciei escoitar a Camilo Nogueira, pero en canto ás ideas expostas, atopei algunha cousa que quería comentar e que non me foi posible pois o asunto alongouse demasiado e cortaron o turno de preguntas cando ía facelo. Houbo quen me preguntou se gravara a charla de Camilo, pero aínda que se me pasou pola cabeza, tamén no momento da pregunta tiña claro que non foi tan aquilatada como para unha gravación, co que non a podo poñer aquí, e facer amago dun resume requeriría máis tempo do que lle vou adicar. Aínda así, se falo dela é porque quero deixar constancia do que ía dicir na charla, aínda que aquí esteña descontextualizado e polo tanto corra máis risco de non ser entendido, xunto coa dificultade de expresalo sen ese contexto.
En primeiro lugar, tanto Camilo como logo varios intervintes fixeron mención da resistencia en relación á lingua galega (sobre todo, aínda que tamén a Galicia como idea, se ben neste segundo caso foi mediante a citación da eliminación ou ninguneado de elementos históricos). Houbo quen se remitiu á resistencia pasiva de Ghandi como algo ata certo punto parello en idea. Eu coido que a resistencia pasiva chámase así por mal nome, pois de pasiva tiña pouco, e o nome de resistencia quédalle certamente desacougado. Coido que nun mundo en cambio, calquera resistencia leva sempre as de perder se se concibe como defensa e non, falando nos mesmos termos militares, como ataque. A resistencia en concepto remata por implicar unha cerrazón e ista unha falta de miras máis aló da propia cerrazón.
A segunda cousa que me gustaría ter dito é sobre o nazonalismo contra nazonalismo, relacionada co anterior: na discusión nazonalista moitas veces é necesario centrar o tema, centras as forzas sobre a defensa e extensión da propia idea, e así o que da soporte da idea sofre unha deixazón por mera falta de atención. Para comprendérmonos, o exemplo da ría de Ribadeo: a discusión do nome hai veces que oculta os esforzos pola súa conservación, sen a cal o nome podería deixar de ter sentido ou ó menos pasaría de ser un orgullo a ser unha rémora. Algo así pode pasar con Galicia cando o nazonalismo esquece un contacto co pobo e/ou tenta convertir un centrismo en Santiago como pode haber e hai outros centrismos en Madrid ou calquera outra capital, como contrapoñendo nazonalismos nun mundo onde hai conciencia de que non hai centro, aínda que haxa identidades.


Ningún comentario: