Unha pequena historia... Dende a construción do ferrocarril da costa, ten habido un paso a nivel nos Garitos, ata que con bo criterio, decidiuse substituílo por un paso inferior. Entón desviouse a estrada, que antes transcorría segundo a liña vermella, a un trazado semellante ó da liña verde, baixando o nivel da calzada e subindo un par de metros a vía do ferrocarril para facilitar as cousas. Aínda estaba a uns cantos anos a época da ponte e máis da autovía, o tráfico aínda non aumentara como no boom posterior, e a idea non foi mala para os coches. A xente da zona, a falta de mellores condicións de cruce pola estación do ferrocarril ou pola aínda máis alonxada ponte da estrada 'do monte', optou por seguir pasando pola vía polo mesmo lugar do antigo paso a nivel. A cousa foise endurecendo pouco a pouco ó aumentar dificultades para o paso, pero a xente a pé seguiu a cruzar, e máis aínda dende que se fixo a zona comercial, agora con cinco macro tendas. Con esa zona, dunhas poucas casas ó paso pasou a ser usado por unha parte máis numerosa do pobo, que, de xeito alternativo se viaxa a pé, ten que ir polo camiño marcado de azul, que aínda que é abondo máis longo e compartido polos coches, non ten case tráfico, en parte está sen asfaltar, non ten luz nas tardes de inverno ou aínda que teña un paso por baixo da estrada camiño ó actual entronque da autovía que está a auga e lama. É a opción dende o centro de Ribadeo, a non ser unha volta aínda abondo maior, pois o cruce de vías na estación, tras varias reformas, púxose peor, e pola ponte da estrada do monte tampouco hai arcén.
Quede claro que todas as opcións se usan, pero coido que a principal con diferencia segue a ser, a pesares de sucesivos atrancos en xeito de barreiras diversas, o cruce polo antigo paso a nivel. En días pasado houbo outra volta de aumento de barreiras, como puiden comprobar onte mesmo, volta que certamente fai máis difícil o paso, pero que xa xerou que unha zona do valado fora removida por alguén.
No medio de todo isto, hai pouco que se rematou a obra de cesión por fomento da estrada entre a glorieta da autovía e a Vila vella. Pero iso non se amañou. Púxose ata unha beirarúa ó mesmo nivel que a vella estrada na zona dos Garitos, pero non hai paso para peóns a traverso da vía. Ou para cruzar á zona comercial. É dicir, hai que ir en coche. A cousa contrasta con que unha vez cedida a estrada por Fomento, o primeiro que se fixo foi unha glorieta para que os coches poideran acceder á segunda parte da zona comercial (os actuais Lidl, Koodza e Merkal), mentras que o amaño da actual glorieta do xardín (da que haberá que falar outro día de xeito independente) aínda está rematándose estes días.
Non deixa de chocar a diferenza de trato que se lle da ós coches e ás persoas neste caso. Algo ó que hai que engadir que as dúas partes da zona comercial dos Garitos están separadas por un pequeno murete (resultado da delimitación dos terreos e aparcamento da primeira zona, a correspondente a Eroski e Brico King) que a persoas de certa idade ou con algo de carga non deixa e importunar abondo. Por certo ... onte mesmo amenceu en Facebook a idea de pedir ós centros comerciais que facilitaran o paso entre eles, mediante o uso continuado do buzón de suxerencias, petición á que me apunto e fago pública a traverso desta entrada. Estas verbas non serían máis que a ampliación da petición para involucrar ó concello e facilitar o paso, e a aportación dalgún dato 'histórico' relacionado, xunto coa constatación de que así non se favorece nin o gasto, nin a integración dos arrabais en Ribadeo, nin a ecoloxía ...
1 comentario:
Recollido no el Progreso: http://elprogreso.galiciae.com/nova/220888-vecinos-arriesgan-integridad-van-pie-zona-comercial
Publicar un comentario