20130103

A memoria escrita de Ribadeo, en internet


-->
Pouco a pouco, internet vai recibindo anacos de Ribadeo dixitalizados, xunto coa memoria puntual de sitios concretos, públicos ou privados, blogs ou entradas nas redes sociais. En marcha está dende hai varios anos un proxecto para ir recollendo a memoria escrita de Ribadeo e poñela en libre acceso na rede, contando na actualidade con 25 libros recollidos, amén de revistas e outros documentos varios, superando o total a centea. Vaian como exemplos o número de 'Bandera Católica' no que aparece a ilustración da 'Casa de los señores de Moreno', primeira referenza gráfica á torre do Cantón, ou unha sección relixiosa con nove documentos, incluíndo libros de Semana Santa, que non están na sección de libros xerais. É posible ademáis, que o arquivo completo esteña dispoñible nunha web netamente ribadense antes de que remate o ano recén comezado.
Co cambio do ano, foron incorporadas dúas novas obras ó repositorio 'Publicado en Ribadeo' (http://publicadoenribadeo.wikispaces.com), as que corresponden ós pregóns e carteis do Día da Gaita entre as celebracións do 1991 e do 2011, e ó Congreso de bandas de música populares de Galiza, celebrado no 1994.
En canto á primeira, repartida de xeito interno pola asociación Amigos da Gaita, as súas máis de duascentas páxinas recollen particularidades da historia de Ribadeo xunto con sentementos de moita xente, e reflicten unha imaxe de Ribadeo en festa, pero tamén sinxelamente vívido, formando un documento histórico no que se aprezan diferentes sensibilidades e visóns, e un conxunto abondo completo arredor dunha actividade clave en Ribadeo. Os textos, de vinte autores ribadenses de nacemento ou adopción, tamén nos levan a outros tempos non tan lonxanos, vividos por moitos en primeira persoa e revividos ó traverso das páxinas do libro. Está dispoñible en http://publicadoenribadeo.wikispaces.com/Día+da+Gaita e é unha letura aconsellable para xente de calquera idade que sinta Ribadeo.
A segunda publicación, abondo máis curta, da fe da actividade do Congreso de bandas mantido en Ribadeo hai case 20 anos, impulsado por Hernán Naval e respaldado por Amadores da Música, arrimando o ombreiro o Concello, a Federación galega, a Xunta ... No seu momento representou un revulsivo para o mundo das bandas en Galicia e aínda hoxe, case vinte anos despois, os seus artigos poden servir de referenza para a actualidade musical popular. Está dispoñible en http://publicadoenribadeo.wikispaces.com/Congreso+de+bandas+de+música+populares+de+Galiza e, de xeito nautral, o seu ámbeto de interese vai alén de Ribadeo, se ben máis reducido a persoas relacionadas dalgún xeito coa música.
Non quero rematar o artigo sen facer patente o agradecemento á xente que colaborou para que estas publicacións foran dixitalizadas e postas a disposición de todos dos máis diversos xeitos, por exemplo, facéndome chegar o libro do Día da Gaita.
--
Nota posterior: Por necesidade, estase a cambiar o lugar de 'publicado en Ribadeo'. Irase poñendo nota do material e o novo lugar de publicación en http://ribadeando.blogspot.com.es/search/label/publicado%20en%20Ribadeo

Ningún comentario: