O pasado venres 11 de xaneiro de 2013 varias máquinas dunha
empresa contratada por BEGASA-EON entraron nos montes de Piñeira e As
Anzas e comezaron as excavacións e movementos de terras para construir o
tendido de alta tensión e a subestación eléctrica que se ven
proxectando dende 2007. Tomemos nota do dato: cinco anos. Ao longo deste
tempo e nos próximos meses calquer reclamación dos veciños foi e será
respostada ca clásica demagogia: ¡é un proxecto decisivo para o
desenvolvemento da comarca¡ ¡vai crear postos de traballo! ¡non se pode
retrasar!
Como non podía ser doutro xeito as máquinas
entraron por camiños particulares, sen pedir permiso e naturalmente sen
avisar aos propietarios dos montes e das fincas afectadas.
Sorprende un pouco mais o silencio do Sr. Alcalde e dos seus corifeos,
despois de enchernos os ouvidos cas marabillas que había traguer o
proxecto devandito, entre outras vanse acabar os cortes de luz e xerar
400 postos de traballo no polígono industrial. Contentos estaríamos de
darlle a razón.
Imos ver moi brevemente algúns
antecedentes: No mes de maio de 2008 o concello asina un convenio con
BEGASA-EON e outros organismos onde se acorda darlle a esta empresa todo
tipo de facilidades. Folga suliñar que de información ao vecindario
nada de nada. Este acordo xa desina o que vai vir despois. En xunio do
mesmo ano, no periodo de exposición pública do avance do PXOM mais de
trinta veciños suscriben unha alegación contra a ubicación da
subestación. Resposta: Ninguna. Mesmo a Comunidade de montes veciñais
de Piñeira alega polo mesmo motivo. Resposta: Ningunha. No mes de
decemebro do mesmo ano 163 veciños de Piñeira, Cubelas e Obe presentan
un escrito no concello solicitando información sobre o estado do
proxecto. O Sr. Alcalde resposta: non hai nengunha información que dar.
Despois matizao: hai información pero non é oficial. Ou sexa é secreta. O
día 5 de xaneiro de 2009 aparece, na páxina web do concello, un escrito
da alcaldía con insultos e descalificacions. As facilidades a EON
empezan a concretarse. Nos meses seguintes EON presenta un proxecto de
ocupación de 3 500 metros cadrados nos montes de Piñeira, que mais
adiante convírtense en 11 800 polo arte de birlibirloque. O tendido dende
Trabada, pasando por Anzas e Obe sofre modificacions que non ninguén
xustifica. As sucesivas alegacións son respostadas con evasivas pola
administración competente. Por fin o proxecto é aprobado definitivamente
pola Xunta e comezan os movementos de terras, ou sexa as obras dun
proxecto tan desexado e necesario envoltas nun silencio sepulcral.
Pola sua banda a Comunidade do Monte Veciñal de As Anzas ten
interposto un contencioso administrativo contra o tendido e a comunidade
Piñeira idem de idem pola ubicación da subestación e leva o mesmo
camiño o expediente administrativo polo procedimento de expropiación.
Sería moi longo exponer a riola de irregularidades ao longo destes
procesos pero imos suliñar duas: 1.- A persoa que representaba á empresa
nas Actas de Ocupación Previa (xullo 2012) carecía do poder
acreditativo. 2.- O Sr. Alcalde, obligado por lei a presenciar ditas
actas non compareceu, como tampouco outro representante legal do
concello, pero asinounas en barbecho ao final da mañan. Sen comentarios.
Para rematar un breve comentario sobre as obras que promoven EON e compañía.
No
mes de maio de 2006 un incendio forestal arrasou 1 600 Has de monte en
Busindre (Valdés). Había un gran temporal de vento. En setembro de 2012
celebrouse o xuizo. Os técnicos do Principado de Asturias declararon que
o causante do incendio foi o tendido eléctrico de EON, os veciños
afirmaron ver moitas chispas sair do tendido e prender o monte. Os
representantes do SEPRONA confirmaron estas declaracions, pero un
técnico privado argumentou en contra. A xuiza deixou a EON libre de
culpas. Un directivo declarou que os veciños querían facer negocio a
costa do incendio. Outro caso: O 13 de setembro de 2012 unha avalancha
de mais de 2 000 toneladas de auga, fango e pedras matou a unha muller
de 73 anos en Arenas de Cabrales e desfixo casas, cuadras, e camiños. O
derrubo procedía dunha canal que surtía un embalse da mesma empresa. Nos días previos unha empresa contratada por EON ensanchara un
camiño e reducira a parede da canal que finalmente se derrubou causando a
morte da muller o os destrozos devanditos. Polo de agora non houbo
xuizo. Non imos extendernos sobre a subestación de Mondoñedo e a
sentencia do supremo, poden preguntarlle ao alcalde da cidade episcopal
que só está a 36 km de Ribadeo. ¡Tan perto e tan lonxe!.
Evaristo Lombardero Rico.
1 comentario:
Moitas gracias pola información e por nos manter informados!
Un saúdo!
Publicar un comentario