20130121

Plásticos ribadenses, AD, e Gong Ribadeo, TI

Pasou o Gong. Coido que na nosa zona, sen pena nin groria, máis cicloxénese por concentrarse os ventos que explosiva, que parece que a explosión quedou máis ven noutros lugares. Aínda que algunha cousa houbo para poder sacar foto, como a invasión de restos diversos de troncos e ramas na rada do porto pesqueiro (por exemplo, ver aquí ou aquí fotos colgadas no facebook), despois de ser arrastrados cara á ría e quedar atrapados ó ser metidos polo vento na rada. Abaixo deixo fotos coa ría tinguida polo arrastre de terra que sofre tras o temporal, e para comparar, outras tomadas tempo atrás.
O Gongpropiciou que onte me fora fixando nas cunetas camiño da Veiga. É un exercicio de cálculo o pensar a cantidade de merda que alí se pode acumular. Botándolle un pouco de imaxinación, de Ribadeo á Veiga, 10 km, 2 cunetas, a razón de medio quilo de plásticos cada 100 m de cuneta nun ancho de 2 m, saen 100 kg. Iso é, 100 kg de plásticos, que non son debido ó Gong, senón á xente que os bota, e, despois, a non limpalos. Plásticos que impresionan menos que os troncos na rada do porto pesqueiro, pero que a longo prazo son máis dañinos. E totalmente evitables, a diferenza dos restos do Gong.
Así pois, como resumo a modo de partido de fútbol, poderíamos dicir algo así como Plásticos Ribadenses Autor Descoñecido, 1 - Gong Ribadeo Tempo Incontrolado, 0



Ningún comentario: