20130130

Presupostos de Ribadeo ... e web

Onte houbo pleno. Aprobación dos orzamentos. Previsiblemente, aprobados. Previsiblemente, denostados pola oposición, aínda que xa me teñen comentado que algúns da oposición din que non están tan mal. Eu non o sei. Sei que os presupostos son un arma de traballo. E úsanse moitas veces tamén como un arma económica, no sentido de guerra: tanto para dirixir a guerra económica como para empregalos de escudo coa súa interpretación ou variación cando a quen pode manexalos lle fai falta. Algunha vez, tamén para xustificar algún ataque da oposición, pero as menos.
Traían días atrás os xornais que andan este ano sobre os oito millóns de euros. Case dous menos que hai uns anos. Tamén dicían que a situación económica era mellor agora porque se lograra, con todo, amortizar parte da débeda. Coido que era unha condición imposta ós concellos, pero claro, esas condicións non sempre se cumpren.
Que contemplan os orzamentos para seguir a baixar? Din que as prestacións sociais non se baixaron. Baixaríase a inversión. Este ano non haberá pavillón. Ribadeo ten este ano un pavillón menos. O que ía a ser máis de todo. O que quedou parado.
Non fun ó pleno; como un xeito de pulsar a vida do concello, metínme nun par de sitios na web municipal. O PXOM segue colgado na última exposición pública. Hai afirmacións de que se rematará este mandato. Tamén as había indicando que se remataría o pasado. Sobre solucións ás alegacións, sobre iso non hai información. Tampouco no referente ás alegacións á primeira presentación. Opacidade. Ou quizáis falta de posibilidades? Opacidade.
Tamén entrei na sé electrónica. Vóume a 'consulta de bandos'. Ó final, "O rexistro en liña de E / S está fóra de servizo tras a conclusión de actividades de mantemento e actualización" ... Só se poden consultar se están manténdoo? Logo agora non hai mantemento e non funciona? Voume a 'Avisos, queixas, suxestións e reclamacións'. Ó final, ... o mesmo.
Non probo máis. Pero, por curiosidade, retorno á páxina principal, e-administración, e pretendo consultar as actas dun pleno. Ó chou, vexo que o último pleno consultable é un extraordinario de 30 de agosto do 2012. Falta, por exemplo, o ordinario de xaneiro. Os plenos aparecen e desaperecen 'como o Guadiana'. Retrocedo un ano: 2011. Faltan alomenos tres ordinarios. 2009? Faltan alomenos 4 plenos ordinarios. Non sigo. Se procuro algo porque ten interese para min, posiblemente non esteña ... Lei de Murphy.
Comezara cos presupostos. Presuposto é algo que se presupón. Cando un entra nunha web, presupón que as ligazóns levarán a onde deben e atopará o que desexa. As ligazóns levan onde deben. A segunda parte, non se cumpre.

Ningún comentario: