20130117

Temas municipais en Ribadeo

Martes noite houbo pleno ó que non puiden asistir. Polos xornais, enterámonos de que se ía tratar da rescisión de contrato da empresa que deixou parada a obra do pavillón, a que substitúe un vello por outro novo e foi cuestionada polo aporte de cartos necesario. Coa maioría do BNG e voto do PSOE, amañouse o tema. A resposta do voceiro do PP en Facebook: "Claro que si, non pode ser doutro xeito. Desde o PP pedimos que, ademáis de desbloquear un tema tan importante para Ribadeo como é o remate das obras do PAVILLÓN POLIDEPORTIVO, se defendan aos técnicos e ao goberno das acusacións verquidas por parte dos representantes da empresa que non deu rematada a obra."
Se se visita a web do concello ténse que non aparece (unha vez máis) a convocatoria, mentras que si aparece (vina hoxe, seguramente cargada a última hora onte) unha referencia do pleno, versión goberno municipal. Nela, non se especifica outro punto nin duración, e só, a máis do tema do pavillón, a petición do voceiro do PSOE da redación dun documento de participación. Comezando a ler fíxenme a ilusión que sería de participación cidadá, pero non, trátase de regular as intervencións dos concelleiros, algo que non é a primeira vez que sae a relocer, pero quizáis sexa a primeira que aparece recollida formalmente como petición. E é que os plenos son a miúdo unha xaula de grilos na que os portavoces marean a perdiz e quen vai ver ten que facer un esforzo tanto para entender como para aguantar.
Tamén hoxe sae nun xornal que o TSXG, o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, falla que se deixen de pagar os 60 € mensuais que recibía do concello pola existencia de ruído nouturno. Algo que leva xa 13 anos enteiros en marcha (facer contas) e que se por fin se deixa de pagar, non será tanto polo que poidera ter feito o concello como polas modas da movida e a crise. Caso de haber fallo definitivo, merecerá unha entrada.