20130205

A cor dos cartos e a construción das frases

Onte estiven escoitando a radio e vendo a televisión dun xeito desproporcionado para min. E deume tempo para reflexionar sobre o diñeiro negro e contradicións na fala.
Sobre diñeiro negro porque parece que iso non existe, que os cartos só teén a cor dos billetes e o reflexo das moedas, e que poden ser mesmo invisibles ou transparentes, que negro só pode ser o diñeiro cando está manchado de petróleo, e daquela non é corrente no sentido de que ocorra de xeito cotián nin no de que poda correr dunha man a outra. Pode ser en todo caso, obscuro, cando anda pola sombra. Pero porque teña cor, porque non ande escondéndose, iso non quere dicir que a súa contabilidade sea xusta, ou legal, e da igual aínda que xa transcorrera o prazo para que poda ser castigada a ilegalidade: non deixa de ser curioso que haxa que gardar a contabilidade, facturas e demáis, anos despois de pasar a declaración da renda correspondente, mentras que a financianición dos partidos quede reducida á posibilidade de catro anos de revisión xudicial; a partir de aí, pode ser transparente. Así que, diñeiro negro? de que estamos a falar? que é iso?
En canto á construción das frases, é sabido que entre os políticos a vella tradición de discurso foise perdendo, non sei se coas entrevistas en xeral ou coa televisión en particular, chegando na actualidade a artimañas como retransmisión de discursos por televisión para evitar calquera tipo ou posibilidade de intervención posterior. A xustificación: o ter sido lexitimado polos votos no seu momento. Deixemos que os votos lexitiman para ocupar un lugar, non para facer despois a capa un saio, e centrémonos na construción das frases do discurso. Un discurso contraditorio non é discurso, é sinxelamente unha contradición e mesmo unha autoacusación. Se alguén afirma algo e días despois matiza a afirmación, cando menos está a contradicirse parcialmente. Cando a afirmación lle atinxe, cando menos está autoinculpándose parcialmente pero por partida doble: no propio tema da afirmación e na mentira. Se analizamos a frase 'todo lo que se refiere a mí y a los compañeros del partido no es cierto. Salvo alguna cosa que se ha publicado, todo es total y absolutamente falso' e sabemos que se dixo varios días despois de afirmar que todo era falso, sen matices, entón xa non é só unha autoinculpación doble, senón unha contradición en si, que, se estaba sendo dita para aclarar algo, polo contrario, embróllao aínda máis.
Deste xeito, ocórreseme que os cartos poden ser negros noutra circunstancia: cando están manchados en merda. E vivimos tempos nos que marea de merda sube e sube, debe de resultar difícil manter boas cantidades de cartos a salvo do ennegrecemento da merda.

Ningún comentario: