Coinciden no tempo dúas viaxes de representantes da Unión (Europea, iso que os medios seguen a chamar -non sen certo aquel de chamada cara ó vello 'mercado común'-, 'comunidade europea', e ós seus representantes, 'comunitarios') a Galicia. Un, de varios, polo mal estado das rías atlánticas, non nos toca a nós, a pesares da denuncia da contaminación da ría de Ribadeo efectuada hai non tanto en relación á parte asturiana. Outro, unipersoal, de Pia Bucella, a Ribadeo e ás Catedrais (aquí, unha foto de Pia Bucella na súa actividade parlamentaria).
O da visita a Ribadeo coido comezou hai nove meses (o 22 de xuño do ano pasado) cunha viaxe do alcalde a Bruxelas cun informe, e que está enmarcada na xornada que se celebra hoxe para analizar/valorizar As catedrais, cunha parte pública (esta mañá, coa asistencia difícil un día de diario), visita ó areal en marea baixa incluída, e outra institucional (como neste pais, institucional ás veces significa para as institucións, e outras é sinxelamente restrinxido ou mesmo privado, aclaro) con representantes provinciais. Así posto, diríase que máis ben se trata de facer compañía turística á representante unitaria que de facer unha auténtica xornada de estudo pola mañá e unha xuntanza política pola tarde. O que non quere dicir que, a pesares das apariencias, se favoreza a toma dunha decisión que vaia en ben de Ribadeo, sexa cal sexa, pois a política é unha cousa de sentementos, preparables pola mañá para facelos render pola tarde.
Por certo, quen quera participar de xeito extraoficial colaborando na visita de Pia Bucella, pode facelo en twitter, pero con certa dificultade, pois o seu último/único post foi por maio pasado, o días das letras galegas. Tamén en facebook, onde ten un pouco (só un pouco) máis de actividade...
Ningún comentario:
Publicar un comentario