20130208

Se o sal se volve soso, quen o salará? / Se o hospital enferma, quen o sanará?

O título é na súa primeira parte unha frase da biblia que se repite moitas veces en diversos actos eclesiásticos. Na segunda, unha referencia ó hospital de Burela que estes días estivo enfermo, e padece un mal abondo común: o stress de non dar feito por falta de mans, de espazo e de material.
O que si, non teño idea de como salar o sal se o mesmo sal se volve soso, pero sei que para o segundo problema, somos nós, os cidadáns, o primeiro eslabón da cadea para a sanación hospitalaria. Dende aquí fun recollendo diversas intervencións da AVV O Tesón en apoio do hospital. Quizáis non sempre se acertou nese apoio, pero coido que sempre foi necesario. A diminución de cartos prometidos pasou dende hai uns seis anos de seis millóns de euros para diversas ampliacións e material ata cartos para un par de contedores-barracóns, ó tempo que persoal médico era transferido a Lugo. E iso, despois de desmontar as comisións sanitarias, de curta duración, nas que participaban entre outros sectores, as avv. Se durante o seu curto funcionamento non se logrou moito máis aló de facer escoitar a voz, dende entón, nin a voz da xente é escoitada. E aí hai unha enfermidade social inducida. Así pois, se a sociedade se volve asocial, quen a volverá a si?

Ningún comentario: