20130315

Estrela Galicia vs Citroën

O partido é hoxe: emocionante. Dúas empresas afincadas en Galicia compiten de novo nun partido de fútbol. Que sexan de campos comerciais diferentes non importa: o caso é que saian moitas imaxes das camisetas pola tele. Para iso, teñen que estar preto do balón, e máis nas situacións máis emocionantes ou complicadas: as que esixen repeticións na pantalla.
Derbi? Din que si, pero iso, que é? Pois, segundo do dicionario, un enfrontamento deportivo con 'permanente rivalidade'. Non entendo moi ben a rivalidade entre unha empresa de cervexas e outra de automóbiles, pero claro, os tempos están difíciles, e hai que competir polos cartos. Posiblemente calculen que se hai cartos para cervexa, non os poden gastar despois nun automóbil, e viceversa.
Que se xoga na Coruña? Si, casualidade recorrente porque alí reside a empresa cervexeira, como se pode ollar en internet: Domicilio social: C/Jose María Rivera Corral, 6 15008 A Coruña.
Por certo, que nas camisetas levan tamén algunha outra cousa que despista. Os xogadores do Estrela Galicia, por exemplo, levan unha decoración como un banderín cun flotador. Dada a situación económica do equipo, deben querer sinalar onde están e que lles boten un salvavidas.
Ista tarde, fútbol: dúas empresas de primeira categoría enfrontadas sobre a herba dando a parte de 'circenses' en 'panem et circenses', a locución latina atribuída a Juvenal, construída para indicar o que se quería que foran apetencias únicas do pobo, pan e circo, que se lles daban baratos para mantelo ocupado e que non intervira nas cousas importantes. Así, o de 'circenses', na tele, sae barato. O do pan, iso xa é agulla doutro cantar. Deberan aprender os actuais políticos dos romanos...
Por último, dicir a modo de comentario superfluo que o xogar ó fútbol coido que é mellor que velo.

Ningún comentario: