20130417

Charlando para defendernos

O pasado fin de semana houbo unha charloa sobre as preferentes, organizada polo BNG. A consecuencia dela, o que resulta nos medios é unha confrontación entre a portavoz preferentista e o concelleiro de consumo. Non obstante, a charla ía para dar ós preferentistas unha apertura de miras que facilite a súa actuación de defensa. Mágoa. Mais, a xente que foi, puido aprender algo, aínda que evidentemente non lle solucionaran diretamente o seu problema, cousa que sempre se agradece.
En Ribadeo mañá (xoves 18 ás 20:00 na Casa Sindical) voltará a haber unha charla de defensa do consumidor, esta volta facilitada por ACISA á Plataforma por abusos do mercado eléctrico. Xa se sabe: facturas cobradas de máis, contadores cambiados porque si a conta do consumidor e demáis.
Parece que organizacións políticas e sindicais (Acisa ó fin está integrada nas organizacións-sindicatos patronais) están entrando a chamar a toda a cidadanía con cousas que poden interesar a todos. Benvida sexa a colaboración, tendo en conta que o aspecto social é fundamental, pero non se complementa só con charlas, e as organizacións con estrutura, poder e pasta teñen aínda un longo camiño diante si para fundirse coa cidadanía e os intereses comúns en troques de usar eses tres piares en manexar ós cidadáns para intereses que moitas veces non coinciden máis que cunha cúpula directiva desas organizacións.
Voltando sobre os parágrafos anteriores, e salvando as diferenzas que poda haber por motivos de escala ou orientación nas organizacións políticas e sindicais ribadenses, as asociacións veciñais están tentando unha mobilización previa ós problemas, para que as accións conduzan a que non sucedan ou a que o seu impacto sexa mínimo. A resposta, isa si, é mínima. Polo contrario, cando suceden, son as mesmas organizacións que facilitaron o seu suceso as que tentan dirixir a resposta, ante o xurdimento de organizacións de novo cruño que os abordan de xeito alternativo. Coido que habería que repensar o sistema...

Ningún comentario: