Onte produciuse a imputación da infanta no caso Nóos. Hoxe aparece na prensa como nova de ribadeo a falsificación dun documento oficial dunha rapaza no CIFP (Centro Integrado de Formación Profesional). Os casos non parecen ter moito en común, pero teñen certos aspectos que serven de comparación.
O primeiro, o impacto mediático. Está claro que a infanta Cristina ten un pulo mediático que non ten a alumna do CIFP. En particular, a alumna posiblemente permanecerá no anonimato alomenos un tempo por decisión da dirección do centro. Esa decisión está ligada a que a falsificación de notas en documento oficial non ten un menoscabo evidente para os dereitos de ninguén, se ben é un delito debido a que aínda que non haxa tal evidencia directa, supón o situarse nunha situación de competencia en menoscabo de todas as persoas que chegaron a esa situación por medio do seu esforzo e non con trampa.
O impacto mediático ten a súa importancia, por suposto, e grazas a el nos atopamos con dúas diferenzas que teñen outro tipo de impacto. A primeira, que inmediatamente a fiscalía di que vai recorrer. A fiscalía é unha figura de defensa xurídica que en España está relacionada co estado, non con particulares. Non obstante, dun xeito ou outro, ten actuado moitas veces en defensa de particulares, e aquí saltou de xeito inmediato. Sempre queda a dúbida de se, se a alumna estivera en situación da infanta, a fiscalía actuaría de igual xeito...
A segunda cousa que chega a nós a traverso do impacto mediático é a reacción dos pais da infanta, isto é, dos reis. A traverso do servizo que xa teñen en xeral para relacionarse, enterámonos de que "La Casa del Rey dice estar sorprendida por la imputación de la infanta". Dos pais da alumna non sabemos nada, pero é posible que, de estar enterados da denuncia, lle digan algo así como 'neniña, fixeches mal, e agora toca purgar'. O que si sabemos é que os pais da infanta sabían de tempo que o marido da infanta estaba metido en certas cousas e a infanta figuraba tgamé nelas, que tentaron evitar o nivel de representación que antes ostentaba a infanta, ... e que hai xa algún documento que os relaciona coas actividades da familia, aínda que polo momento non sexan considerados de tal xénero que faga que o Rei pase a imputado.
E podemos seguir, pero quizáis non sexa tan malo rematar aquí, deixando abertas dúas fiestras. A primeira, cara a pensar, unha vez máis, sobre a igualdade da xustiza, que mesmo ten sido proclamada hai non tanto polo propio Rei. A segunda, sobre o exemplo na educación, algo que nas novas aprece abondo menos importante que o anterior, e máis é a base del. A alumna, ó tenor das novas, ten pouco máís de 18 anos e hai xente que ve o tema da falsificación como unha chiquillada. Máis son as pequenas cousas as que, co tempo e a oportunidade, dan lugar ás grandes. Son os pequenos favoritismos os que permiten as grandes corruptelas. Son as nimiedades da familiaridade, as pequenas axudas familiares ó nivel ó que se poden observar no tema da infanta as que permiten as grandes inxustizas de desigualdade que se ven dende o nivel do pobo.
1 comentario:
Sen a compoñente ribadense, sen dicir o mesmo, pero relacionado ... http://www.eldiario.es/agendapublica/crisis-grave-acoso-poder-judicial_6_118698139.html
Publicar un comentario