20130422

Existe China? (ou a realidade alternativa)

Onte, unha semana despois do atentado de Boston, con tres mortos, un diario nacional adicáballe dúas páxinas enteiras ó seguemento do tema. O mesmo día, no mesmo xornal, aparecía nunha páxina de internacional a metade dunha columna á beira dunha páxina dando conta dun terremoto en china de escala 7 no que terían morto abondo máis de 100 persoas. Hoxe, en edicións dixitais, o terremoto desapareceu da miña vista, de xeito que me pregunto se será real ou unha sinxela metedura de pata dos medios. Procuro por curiosidade ata na sección de novas da wikipedia inglesa (a galega non ten desenvolta esa sección de xeito abondo, cousas de ser pequena), e si atopo o terremoto de Lusan das 8 da mañá (hora local) do 20 de abril de 2013 cunha ampla información que sitúa xa en 186 os mortos consecuencia da traxedia.
Supoño que nalgún momento do día a información pasará polo terremoto, deixando os últimos escándalos nacionais, a acaparación de carbón (e máis cousas relacionadas) ou o afundimento da empresa galega como consecuencia da desparición das finanzas galegas. Pero polo momento, costa chegar á información.
Hai xa anos un periodista que considero, dicíame: 'non é nova que un can morda un pícaro, a nova é que o pícaro morda ó can'. Nesta historia non hai cans nin pícaros á vista, e sí leva matados EEUU máis xente que o resto do mundo norteamericanos, pero a desproporción de máis de 50 veces de mortos, cun terremoto nunha zona próxima ó que deixou deceas de miles de mortos hai uns anos,  coido que sería para adicarlle máis consideración. Quizáis sexa por que o atentado de Boston deuse nos EEUU e o terremoto na China, que soa moito máis lonxe e enigmática, ou quizáis sexa polo hermetismo informativo chino, ou quizáis polo dominio mediático estadounidense ... pero o caso é que fai pensar, a partir de novas externas e sen ter unha apariencia de ser soportadas por grandes interereses no noso país ou estado, no tratamento da información, en onde se poñen os focos informativos e como se trata a información que nos chega...