O título é o resume da charla de hoxe no C.N. de Ribadeo a cargo de Miguel San Claudio Santa Cruz, representante da empresa Archeonauta. O pecio non se sabe aínda cal pode ser (hai hipóteses, pero só iso), despois dunha escavación superficial de 20 días ó ser descuberto a partires de atorarse a pipa de succión da draga. O lugar aproximado é o que aparece na imaxe de Google maps de embaixo, máis é algo relativo: quedou cuberto cunha rede metálica para evitar tanto a rapiña como para facilitar a acumulación de area cubrindo o material. O navío tiña dobre parede no casco, un pañol interno, as cadernas e un pañol externo, cuberto de chumbo para a súa protección, cun grosor de perto de 1 m. A súa conservación é boa, tendo en conta que o que se observa é a superficie do fondo da ría actual, sen terse desarmado o casco, que está sen desfacer salvo pequenas partes. Se se ten en conta que algunhas das cousas das que aparecen son da parte superior do barco, é de supoñer que a parte enterrada sexa un documento excepcional. Na superficie obsérvase tanto balas de canón de pedra como cadernas ou unha balaustrada, a máis da estrutura do barco. Foi retirado algún material pequeno do fondo, pero a maioría quedou. Asemade, serrouse algo de madeira para comparar e datar exactamente a máis de saber de onde provén a madeira (todo a partir dos aneis da madeira de fábrica do barco). Na charla foron presentadas moitas fotos e algúns planos e imaxes de sondaxe (ver botija e pipa, na web da empresa). Quedou de manifesto algunha contradición, natural se se ten en conta que é algo totalmente preliminar para presentar uns resultados de importancia. Tamén quedou patente a ausencia do Ministerio de Cultura do proxecto, nado a partires da existencia dun arqueólogo na draga encargada por Portos para dar calado á canle do porto de Mirasol. De feito, o pecio apareceu case no límite dos traballos, pois na entrada do porto deportivo hai profundidade abonda, non necesitándose dragar.
Na zona sábese ao menos doutro barco abondo máis moderno afondado.
A charla lembroume o Castro das Grobas, cun material que se dixo no seu momento que sería presentado nuns meses, e xa pasaron tantos anos como meses se prevía, sen ulilo polo momento.
Dispoño dunha gravación da charla, pero de mala calidade.
Ningún comentario:
Publicar un comentario