20130412

Sobre as obras na Torre dos Moreno

Xa vira pouco a pouco a evolución das obras na xa maiormente vendida Torre dos Moreno. Onte, acompañando un amigo, tomei algunha foto: coido que para un edificio emblemático de Ribadeo que se vai reparando pouco a pouco, o ter unha constancia gráfica dos seus cambios é importante.
 Da fronte do edificio xa hai fotos anteriores no blog do transcurso das obras na torre, comezando a apuntalar ou completamente apuntalada a fachada principal, por exemplo. Cos detalle de decoración, coido que aínda non puxera ningunha. e coido que é preciso deixar constancia de que exceptuando pola cor, a aparencia das columnas é a mesma que tiñan con anterioridade á reparación.
 O último que se está a facer nesta lenta obra é a conservación (en realidade, reposición) da rotonda traseira, co aspecto que se pode ver nas fotos anterior e posterior deste parágrafo. Por certo, que seguindo cos 'xardíns colgantes de Ribadeo' (ou aquí, uns moito máis novos), pódese observar na foto de embaixo unha boa fronte floral na parte posterior da Torre.
Tamén lembrar que hai pouco deixei unha vella foto do ascensor da torre dos Moreno.

Ningún comentario: