20130503

Sanidade na costa e no interior ... é un dicir

O un de maio estiven falando cun médico do HULA a quen non vía hai moito tempo. A pesares de recoñecer a situación privilexiada de Lugo nestes momentos en relación a Monforte e Burela (que, segundo os comentarios, funciona mellor que Monforte), primou máis na conversa a destrución da asistencia pública. Un exemplo concreto centrouse na maquillaxe de números das listas de espera, na que segundo parece, algúns xestores son uns auténticos ases. Iso, repito, foi antonte.
Onte, tocoume unha comprobación práctica por medio dun paciente coñecido. A cousa é que tiña vez para un especialista aínda para o mes de xuño no Hospital da Costa, e o martes recibiu unha chamada para adiantar a cita a onte, xoves. É dicir, para o día seguinte de traballo. Sorpresa agradable, aló se foi (das conexións de transporte público con Burela podemos facer outro apartado). Ó chegar, no especialista dinlle 'non é aquí', e mándano para urxencias. En urxencias acláranlle que están botando unha man ó especialista, revisan o seu caso e comunícanlle 'isto non o podemos tratar nós, ten que ser o especialista'. Viaxe perdida, lista adiantada, nova petición de especialista, ... o paciente non importa. Importan os números, que queden máis bonitos e que se poda falar como se todo fora estupendamente, mellorando continuamente, vivindo no mellor dos mundos. Diría que os médicos non teñen culpa, senón a xerencia (por certo, nova despois dunha substitución por protesta pola eliminación da área sanitaria, e polo tanto, culpable de querer ganar méritos nos seus primeiros momentos), que é quen ten o poder para facer estes cambalaches, pero chegados a este punto, sempre queda a dúbida de se se prestan a este manexe de bo grado, obrigados, sen outra alternativa, sen dar coñecemento á opinión pública ou sen protestas, ... aí non podo opinar porque non sei nin aínda se neste caso os médicos implicados están na protesta que se ven mantendo de hai tempo ou non. Pero a xogada xeral está claro o que deixa ver: a realidade non se deixa tratar de calquera xeito polo meros números maquillados.

Ningún comentario: