Desde hai aproximadamente dous
anos, o Ministerio de Fomento, no que compete a provincia de Lugo,
está aplicando herbicida total nas cunetas, arcéns e taludes das estradas da súa competencia, e da autovia do Cantábrico dende
Ribadeo dirección Baamonde. Non o está a facer polo momento, na
autovia A Coruña - Lugo, mais tamén o fixo nas estradas N- 634 e N-642.
Este tipo de desbroce químico, pola
información que recollín en internet, estáse a facer noutras
partes de España, en Andalucía por parte da Conselleria de Obras e
tamén na Comunidade de Castela a Mancha. Nesta última mesmo nas
estradas das Deputacións. Desgraciadamente parece que a fumigación de cunetas con
herbicida non é exclusiva de Galicia, aínda que aquí, eso si, sempre copiámolo peor. Coa diferenza agravante que aquí chove
máis que en calqueira outro sitio de España, e así pois a
posibilidade de contaminación por arrastres de augas a regatos e
mananciais é maior.
Esta forma de limpar de maleza as
estradas (eu diria que de ensuxar) tan só se ve en España. Eu,
que levo percorrendo distintos países de Europa nos últimos vinte
anos, non vin o mesmo polo mundo adiante. Fai un mes que percorrín Portugal de norte a
sur, e viceversa, con rota distinta, e non atopei estradas
fumigadas. Se a disculpa é a crise para aforrar, Portugal esta peor
ca nós, económicamente me refiro, e non fan esto.
Ó secar a maleza co herbicida, as
cunetas e arcéns convertense nunha gran “mecha” permanente todo
o verán ó longo das estradas para a propagación do lume. Aquí
se produce unha contradición máis entre as distintas
Administracións, pois a mesma Conselleria de Medio Rural na Lei de
montes de 23 de xullo do 2012, recolle a obrigatoriedade de gardar
distancias de plantación, dende o límite do dominio público das
distintas vias, como autoestradas, autovías, corredores, estradas
convencionais, pistas forestais, etc, con distancias que van dos 2 ós
6 m dependendo da especie de árbore do que se trate. Todo elo para
evitar a facilidade de propagar os incendios e ó mesmo tempo propiciar que as
vías fagan de cortafogos. Pois xa vemos a coherencia dos nosos
responsables políticos. No papel do BOE ou no DOGA se recolle, e logo
na realidade de cada dia, esto non fuciona. Que di a Conselleria do
Medioambiente? Nada. Véndennos Reservas da Biosfera,
Redes Natura, ZEPAs, LICs etc, etc. e logo envenenan o medio, cando
verdadeiramente non é necesario, a parte de provocar un gran impacto
ambiental. Non teñen a máis minima sensibilidade, nin gusto pola
paisaxe. Ata esto nos quitan, que é do pouco que a natureza en
Galicia nos da gratis, pero entre todos empeñámonos en
destruir. Ecoloxistas en Acción de Andalucia ten denunciado estas
fumigacións diante da Conselleria de Medio Ambiente, pois estánse a
facer fumigacións con herbicida ata en pistas de Parques Naturais. Esto
xa é o máximo. Hai que facer algo.
Respecto o Concello de Ribadeo, está
permitindo que -na estrada do monte e algunhas outras tamén- se
aplique este tipo de herbicida dende fai abondos anos, por parte
dos titulares das distintas fincas, tanto en cunetas como en
taludes. Eu xa lle comunicara esto a concelleiro de medio Ambiente no seu dia, pero a cousa
non se detén, se non que vai a máis.
3 comentarios:
Arrasar con líquido tóxico e contaminante as cunetas non pode ter outra cualificación que a de terrorismo ambiental
http://wp.me/p1NuYX-eK
Fumígannos
http://xogaraescribir.wordpress.com/2013/06/26/fumigannos/
Isto tamén acontece nos "hortos urbáns" de Ribadeo (chamados ecolóxicos pola concellería de MA) por parte dos titulares dalgunhas parcelas. Lamentable.
Gracias pola entrada. Antonio.
Publicar un comentario