20130729

Oitenta mortos despois

Máis de cen horas despois, multidude de verbas en papel, no ár, en formato dixital, ...
Oitenta mortos (nestes momentos, coido que 79) son moitos mortos. Un morto é xa moito morto para os seus. Oitenta son oitenta historias diferentes de un morto diferente. En Galicia morren, de media, unhas oitenta persoas diarias: a morte-traxedia en perspectiva. Os mortos de tráfico en España ó ano, superan esa cifra. Non é doado poñer en perspectiva a morte: os números, de non tomalos con coidado, deshumanizan algo do máis humano, pois aféctanos a todos.
Se poñer a morte en perspectiva é difícil sen desvirtuar a súa esencia de humanidade, o comezar a xerar portadas e novas incesantes sobre un accidente como o de Santiago tamén desvirtúa con facilidade un feito tráxico para convertelo en algo diferente, banal e mundano, pero non tan humano ó seren metidos intereses de diferente tipo. Por exemplo: despois de ver ó paso as obras do AVE perto de Santiago, sabía de sobra que de AVE, nada, e así o asegurei. Por eso quedei sorprendido cando nas novas aseguraron que a liña era de AVE, e que fora inaugurada hai un par de anos. Logo viñeron as rebaixas: a liña non era en realidade de AVE (asegurado polos mesmos que a venderon como de AVE fetén), o que me lembrou aquela diferenza que houbo que patentar no seu momento entre 'alta velocidade' (é dicir, AVE, 'alta velocidade española') e 'velocidade alta', para dicir que era o mesmo o que non era o mesmo. Pouco despois, chego ó intríngulis: resulta que entre outros estase a optar por un contrato ferroviario en Brasil que inclúe nas súas bases que quenes se presenten ó mesmo non poder ter sufrido ningún accidente grave nas súas liñas de AVE ... acabáramos! Vamos, que cada morto pode significar preto de 500 M€ para un consorcio no que está incluída RENFE. Algo máis do que recibirá cada familia afectada.
As verquentes do tratamento da nova poden dar xiros curiosos. Como o da portada de El Periódico de Cataluña titulando en galego nunha frase curta de comprensión doada, mentras La Voz de Galicia o facía en castelán (por certo, que os mortos eran persoas, pero no tratamento figuran como galegos -aínda que algún non o sexa-). Ou como a cobertura dos medios 'rápidos', de novo con diferenza evidente entre internet e radio, por unha beira, e televisión, pola outra (coa excepción, segundo parece, da Galega). Ou como os xuizos sumarísimos en quente. Por certo, que isto coido que pode relacionarse cos avatares do maquinista, cazado no facebook a 200 por hora ... o ano pasado e en tramos nos que si podía e debía ir a isa velocidade.
O maquinista trae a colación a culpa. A viñeta que circula na rede é abondo clara como para engadir máis (aínda agora, que o maquinista está en liberdade con cargos):
 Culpa que por certo se ve manipulada de diversas maneiras, segundo as visións ou intereses de cada quen, en favor ou en contra o maquinista, ou a tecnoloxía, ou a inversión que non se fixo, ou a que se fixo e non s epuxo en marcha. A culpa? Cadaquén tenta sacala de enrriba, polo que parece, a excepción dun maquinista errático en declaracións en estado de choque de diversa intensidade. coido que, cun sistema de seguridade como o que venderon que ía ter, o maquinista pode ter culpa, pero estar disculpado legalmente. En fin, cos intereses que hai por medio, a verdade pódese vestir de seda e parecer mentira.
Hoxe serán os actos de celebración fúnebre, na catedral de Santiago, con visita de políticos e supoño que de riguroso cor obscuro. Nas primeiras horas, os políticos tamén fallaron ás súas propias normas (que conste que coido que os políticos deberan aparecer menos por todos os recunchos para non solucionar nada e que lles fagan a foto) pero unha volta recompostos, alí estarán.
Outra compoñente, a cidadanía, estaba alí. Como afectada directa engrosando os mortos. Indirecta nos familiares. Circunstancial nos veciños de Angrois que saltaron axudar no momento inmediato ...
Filosofar, teorizar, comentar sobre a morte con nomes e apelidos non é doado. E senon se fai con nomes e apelidos, queda o número ou a carnaza, o etéreo ou o material. E por aí, non sigo.

Ningún comentario: