Hoxe é a Asamblea de Amadores da Música co punto único. Buceei nas actas do concello para ver as relacións últimas Concello/Amadores (algo non sinxelo hoxe, coa web do concello desconfigurada) e atopei (atención, están desordeados en datas por colateralidade):
1.No ficheiro 23concello_ribadeo_laborais_2004_2006.pdf
"Convenio colectivo de traballo para o persoal laboral do Concello de Ribadeo
(Anos 2004-2006)"
"Descrición de postos de traballo:"
"* Pendente modificación posto director banda e RPT."
"0601.-Director da Escola Municipal de Música. Ten as funcións de dirección e xestión da Escola Municipal de Música, con funcións de colaboración musical e docencia da mesma; e en virtude do convenio coa Asociación Amadores da Música no seu caso, funcións de colaboración musical e de docencia coa banda dependente da asociación; sendo o contido do seu posto de traballo a dirección, xestión e docencia na Escola Municipal de Música, e outros traballos análogos no ámbito da docencia musical que lle sexan encomendados pola alcaldía ou concellería-delegada.
As características que configuran o posto son as seguintes:
a) As condicións xerais do posto determinan a aplicación dun CD nivel 23.
b) As condicións particulares do mesmo determinan un CE mensual de 529,09 A."
2.No ficheiro 1363597837Pleno_Extraordinario_29_01_2013.pdf
"2013.01.04.- PROPOSTAS DE MODIFICACIÓN/SUPRESIÓN DE POSTOS
NA RPT MUNICIPAL.-
Por Secretaría dase lectura ao ditame da Comision Informativa que se
transcribe:
“Obran no expediente as propostas de modificación e supresión de postos da
Relación de Postos de Traballo municipal.
O Sr.Alcalde explica que se trata da supresión do posto de director da Escola Municipal de música así como da modificación de postos de profesores da mesma Escola co engadido de funcións de xefatura de estudios e de dirección da Banda Municipal en colaboración coa Asociación Amadores da Música, logrando así a adaptaicón á realidade actual de funcionamento da Escola Municipal que se ven desenvolvendo dende hai xa unhos anos en que no existe director.
Por outra banda continúa o Alcalde informando que tamén se propón a supresión de dous postos de operario, un vacante e outro cuxo titular que o ocupa actualmente está a piques de xubilarse así como un posto de Auxiliar de Axuda no fogar no que xubilará a persoa que o ven ocupando ao longo deste ano 2013.
Delibérase entre os membros da Comisión sobre diferentes aspectos, tramitación, entrada en vigor destas modificacións, aforro económico que se obtén con estas medidas, etc.e por parte do Sr.Valín Valdés do Grupo Municipal Popular, manifestase que o seu Grupo se reserva para o Pleno. En igual sentido o Concelleiro de UPRI, do Grupo Mixto, Sr.Reymondez Gancedo.
Sometido a votación, por catro votos a favor (dos membros do Grupo Municipal do BNG) e tres abstencións (dos membros do Grupo Popular e do Concelleiro de UPRI, do Grupo Mixto) a Comisión Informativa acorda ditaminar favorablemente as propostas de referencia nos propios termos das mesmas.”
Comeza a quenda de intervencións o Sr. Gutiérrez Fernández, concelleiro do PSdG-PSOE no Grupo Mixto, que alude á modificación da RPT que afecta á Escola de Música e non quere ser sospeitoso de atacar á escola de música, xa que se creou na súa lexislatura. Cre que a proposta é bastante clara porque especifica a diferenza entre os gastos e os ingresos que é relevante, aínda que sabe que se subiron as taxas. Cre que hai unha casuística especial que el non coñece, polo que non vai entrar a discutir ese aspecto. Considera que está ben adaptar o organigrama á realidade, que se fagan axustes etc. pero pensa que se debera incluír ese posto de director, que pode asumir calquera dos profesores da escola de música que sexa elixido, para que funcione coma un centro de segundo ensino. Respecto ao capítulo de operarios, considera que está ben axustar á realidade os equipos pero é unha pena que non se faga o mesmo coa amortización dalgunha outra praza, á que xa fixeron alusión anteriormente. Manifesta a súa intención de absterse neste punto da orde do día.
Continúa intervindo o Sr. Reymóndez Gancedo, concelleiro de UPRI no Grupo Mixto, que manifesta que entende que esta proposta se presenta como unha cuestión de criterios económicos, xa que se aforrarán 22.000€. Non sabe se isto se traslada ao orzamento. Respecto ao tema da praza do director da escola de música, non quere ser mal pensado, pero cre que o feito de que un centro de docencia de música non teña director ou que o director sexa nomeado a dedo polo Alcalde ou pola concelleira delegada, favorece a desaparición da independencia, autonomía e liberdade á hora de facer xestión da docencia en si, xa que pode aparecer certo cautivismo político. Pensa que, se houbera un director, habería unha autonomía e liberdade á hora de xestionar a propia escola de música, polo tanto manifesta que vai votar en contra, xa que considera que a escola de música tiña que ser dirixida polos profesionais que se dedican á docencia, e nunca polos políticos, porque se abre unha porta a unha interferencia política. Respecto ás prazas de medio ambiente, parécelle ben xa que van na liña de aforro e axuste que formulou o concello.
O Sr. Alcalde advírtelle que os dous puntos forman parte dunha única proposta, polo que o voto ten que ser o mesmo.
Nese caso, o Sr. Reymóndez Gancedo anuncia que votará que non.
Continúa a quenda de intervencións a Sra. González Loredo, concelleira do grupo municipal do PP, que non quere entrar na valoración interna de quen debe asumir a dirección, xa que o ve dende o punto de vista obxectivo e pensa que, no que ten que ver co tema de persoal, hai que racionalizar moito. Advirte que falará da escola de música máis tarde, pero cre que o que prima é a racionalidade, polo que todo o que vaia nesa liña vai contar co seu apoio. Cre que o esforzo está ben, e na escola de música incluso hai que facer máis esforzo. Anuncia que van apoiar esta proposta.
O Sr. Castro Reigosa, concelleiro delegado de Facenda, matiza respecto ao orzamento de 2013 que veñen contempladas as prazas, xa que lle afectarían ao orzamento do 2014, cando se aprobe a modificación da RPT.
O Sr. Alcalde explica que é un punto con varias propostas de modificación ou supresión de prazas. Reitera que posto que o custo da escola de música é enorme en comparación cos ingresos, acurtaron ese desfase coa subida das taxas o ano pasado. Ocórreselle outra maneira, que é adaptar o organigrama á realidade, xa que dende hai tres anos non ten un director propiamente dito, pero hai funcións de dirección, xa que hai un profesor que está como de director acumulado e xestiona a escola, e outro que xestiona a banda. Informa que o convenio que o concello ten con Amadores da Música non se incumpre, porque o concello segue poñendo a unha persoa para a dirección da Banda e outra que leva a dirección da Escola. A suma dos complementos que se lles pagan a esas dúas persoas equivale ao 50% do que custaría ter cuberta a praza de director da Escola de Música, polo tanto é ese o único argumento que os está levando a darlle este tratamento.
Explica que son 22.000€ de aforro coas outras prazas, que se van liberar, xa que están consignados e non se poden mover, pero tampouco se usan. Cre que se trata en total de 105.000€ de aforro coa supresión da praza de director da Escola de Música e a amortización de prazas de persoas de medio ambiente que se xubilan. Explica que é unha escola de música con 300 alumnos, con un déficit importante, e polo que poida vir no futuro inmediato e polo que se aveciña, teñen que ir equilibrando. Rexeita que prevaleza a cuestión política, xa que a escola de música conta con profesores, bos ou malos, mellores ou peores. Refírese a que o director da banda de música está asignado porque a directiva da Asociación de Amadores da Música, no seu momento, indicou que lle parecía que dentro dos profesores, ese era o perfil adecuado, sen prexuízo de que agora sexan esas persoas e despois se decida facer unha candidatura ou un proxecto educativo e que unha persoa se presente para directora. Informa que é unha cuestión temporal e, cando non o sexa, seguirá sendo profesor da súa especialidade, esperando que sempre haxa un número de alumnos adecuado, para non ter que baixar as horas do profesorado. Polo tanto trátase de adaptar á realidade xurídica o que está na realidade e unhas prazas vacantes que non se prevé cubrir. É consciente de que con menos persoal non se desbloquean as cousas, pero reforzaron de maneira importante a limpeza durante unha época do ano, pero ao longo do ano hai menos persoal, xa que os Plans de Cooperación e axudas externas non existen. Informa que van reforzar de cara á temporada primavera-verán, pero o persoal humano é moi inferior ao que había.
A Corporación, en votación ordinaria, por 11 votos a favor (dos concelleiros do grupo municipal do BNG e do PP), 1 voto en contra (do concelleiro de UPRI no Grupo Mixto) e 1 abstención (do concelleiro do PSdG-PSOE no Grupo Mixto), acorda:
PRIMEIRO. Aprobar inicialmente a modificación da Relación de Postos de
Traballo deste Concello, segundo as propostas formuladas, do seguinte xeito:
1º.-Amortizar o posto de traballo nº 0601 que fgura na RPT municipal coa seguinte descrición:
0601.- Director da Escola Municipal de Música.- Ten as funcións de dirección e xestión da Escola Municipal de Música, con funcións de colaboración musical e docencia da mesma; e en virtude do convenio coa Asociación "Amadores da Música" no seu caso, funcións de colaboración musical e de docencia coa Banda dependente da Asociación; sendo o contido do seu posto de traballo a dirección, xestión e docencia na Escola Municipal de Música, e outros traballos análogos no ámbito da docencia musical que lle sexan encomendados pola Alcaldía ou Concellería-Delegada. Calquera outra función propia do seu cargo ou categoría.
2º.- Modificar o posto cód. 602 “ Profesores da Escola Municipal de Música”, da RPT municipal (persoal laboral fixo) que quedaría coa seguinte redacción:
0602.- Profesores da Escola Municipal de Música.-
1* Non teñen CE porque a súa estructura actual de nómina é outra.
Correspóndenlle as funcións propias na súa categoría profesional no ámbito da Escola Municipal de Música concretamente a impartición durante o curso das clases pertinentes na disciplina ou especialidade correspondente á praza á que se opta, e no seu caso a impartición doutras materiais musicais complementarias, suplencia de baixas, asi como o desenvolvemento das labores inherentes ao posto relativas á xestión e colaboración administrativa e demais traballos materiais necesarios conforme ás directrices que se fixen ao longo do período lectivo pola Dirección da Escola e Concellaría-Delegada correspondente.
2* Asemade, un dos postos de profesor, con independencia da impartición durante o curso das clases da súa disciplina ou especialidade levará aparelladas as funcións de Xefatura de Estudios da Escola municipal coa correspondente retribución no seu Complemento salarial por estas funcións.
Igualmente un dos postos de profesor, con independencia da impartición durante o curso das clases da súa disciplina ou especialidade na Escola Municipal, levará aparelladas, de acordo coa directiva da Asociación Amadores da Música, as labores de dirección da Banda Municipal dependente de dita Asociación, aplicándose a correspondente retribución no seu complemento salarial por estas funcións.
3º.- A modificación do posto cód. 161 “ Profesores da Escola de Música”, da RPT municipal (persoal laboral temporal), que quedaría coa seguinte redacción:
1* Un dos postos de profesor, con independencia da impartición durante o curso das clases da súa disciplina ou especialidade levará aparelladas as funcións de Xefatura de Estudios da Escola municipal coa correspondente retribución no seu Complemento salarial por estas funcións.
Igualmente un dos postos de profesor, con independencia da impartición durante o curso das clases da súa disciplina ou especialidade na Escola Municipal, levará aparelladas, de acordo coa directiva da Asociación Amadores da Música, as labores de dirección da Banda Municipal dependente de dita Asociación, aplicándose a correspondente retribución no seu complemento salarial por estas funcións.
4.- A amortización dos seguintes postos de traballo:(...)
SEGUNDO. Expoñer ao público a mencionada modificación da Relación de
postos de traballo (RPT) durante o prazo de trinta días hábiles a contar dende o
seguinte ao de publicación do correspondente anuncio no Boletín Oficial da
Provincia de Lugo, durante os cales os interesados poderán examinala e
presentar reclamacións ante o Pleno. A Relación de Postos de Traballo
considerarase definitivamente aprobada durante o citado prazo non se
presentaran reclamacións; en caso contrario,o Pleno disporá do prazo dun mes
para resolvelas.
TERCEIRO. Unha vez aprobada definitivamente a modificación, a Relación de
Postos de Traballo publicarase íntegramente no Boletín Oficial da Provincia de
Lugo e remitirase unha copia da mesma á Administración do Estado e ao
órgano competente da Comunidade Autónoma."
3.No ficheiro 12766795682010_02_pleno_15_03_2010_Ordinario.pdf (posto aquí por colateralidade)
"2010/11/21.- ROGOS E PREGUNTAS.
ROGOS E PREGUNTAS PENDENTES DA SESION ANTERIOR
O Sr. Alcalde pregunta se había algunha pendente da sesión anterior.
O Sr. Rivas Alvarez dille que si.
A Sra. Álvarez Lastra , Concelleira Delegada de Cultura , di que tiña unha pendente relativa ao inventario de instrumentos da Escola de Música, polo menos o que a ela lle atiña, e trae algo que está aportado no expediente de Secretaría. É un inventario donde consta a relación, o elemento, a marca, o coste, o estado, a data de alta e a procedencia dos instrumentos que había na Escola de Música. Di que hai datas incluso desde o ano 2000, ou 1999, 2007,etc., quere dicir con isto, que estaba en vigor, faise constancia de donde
proceden os instrumentos, cales pertenecen a doadores, cales a escola e cales a particulares. Isto era o que existía e o que estaba alí, e a raíz de todo o expediente, ademais ela misma xunto cos profesores que estiveron traballando este verán, fixeron unha actualización de todo isto que tamén obra no expediente con data de xullo, non sabe se o 6 de xullo a presentaron , con todo isto que había e se fixo firme o que estaba, o que non estaba, que é de xullo e non sabe concretamente a data.
No seguinte, desde o 8 de outubro do 2009 a persoa que estaba de Director,D. David Ballester volveu a revisar todo isto e volveu a mirar que instrumentos había, cales non había, e se efectivamente estaba todo controlado e en orden. A maiores de todo isto, desde o ano 2005, todo o profesorado que imparte clases na Escola Municipal de Ribadeo ten un listado de instrumentos que teñen , cada alumno na súa materia, e dicir, os que son propiedade do profesor e os alumnos que asisten a súa materia, e o número de serie e o instrumento que teñen eses alumnos. Isto desde o ano 2005. Tamén aparece Amadores da Música que é o que ten máis propiedade de instrumentos , cun papel de rexistro donde se fai unha especie de contrato de cesión as persoas que tocan eses instrumentos, donde se fai referencia a persoa que leva os instrumentos , e aos pais como persoas responsables dese instrumento, e donde se pon de manifesto tamén que se se daña por un importe superior os 200 € terá que repoñer o instrumento que se cede, tanto de Amadores da Música que son os que teñen o groso de instrumentos que hai na Casa do Mar como os alumnos da Escola, porque dos instrumentos que hai deles , mentras que os alumnos proban se son capaces de traballar cun instrumento ou non, por un período de polo menos un ano, se lle cede ese instrumento da Escola antes de que o compren.
Di que toda esta documentación está no expediente que está en Secretaría a excepción deste documento e do actualizado no 8 de outubro de 2009 , e que está na Escola de Música.
O Sr. Rivas Alvarez di que non contestou a súa pregunta, que eles tiñan preguntado se había un libro inventario, non unhos listados, que se refería a un libro, que poña “libro-inventario” que se vai reenchendo e dando de alta e dando de baixa cando corresponde.
A Sra. Álvarez Lastra di que naquelo está cando están dados de alta, cando de baixa, ten o que falta e o que non falta, etc.
O Sr. Rivas Alvarez, di que ela está falando dun listado e que él preguntou se había un libro.
A Sra. Álvarez Lastra dille o Sr. Rivas que rize o rizo o que queira, que o listado dos rexistros de instrumentos que hai na Escola de Música está aquí, que ten as datas de alta, e que rizen o que queiran e que non digan nos medios que non está o tema da Escola de Música, non é outro, que está todo moi controlado e que saque o que queira, que o listado está aquí, as datas de cando se trouxeron está aquí e todos os instrumentos están datados desde o ano 1999, na época de Hernán Naval, actualizados, coas altas e baixas, e iso é o que hai.
A Sra. Concelleira Delegada manifesta o seu enfado respecto ao asunto.
O Sr. Rivas Alvarez di que non fai falta dar golpes na mesa, nin alporizarse, di que él preguntou se había un libro de rexistro.
A Sra. Alvarez Lastra di que lle chame libro ou que lle chame o que queira, que o libro de rexistro está eiquí ( sinalando a documentación que obra no seu poder).
O Sr. Alcalde dille ao Sr.Rivas Alvarez, que a contestación está efectuada."
"Rogos e Preguntas do Sr.Reymondez Gancedo.-
O Sr. Reymondez Gancedo, de UPRI, manifesta que non acaba de entender a postura adoptada pola Sra.Concelleira respecto a unha deliberación que mantivo anteriormente co Sr.Rivas Alvarez acerca do inventario ou libro inventario da Escola municipal de música, respostando a Sra.Concelleira que como non lle vai doer, o que se lle dixo, e que non hai tal descontrol e se se detectou foi porque se fixo un traballo exemplar , e que iso é o que se fai realmente na Escola municipal de música e reitera que non hai descontrol algún e o que existiu foi por neglixencia dunha persoa , e que eles están ao “pe do canon” e que hai 300 alumnos, proseguindo a deliberación entre ambos sobre o funcionamento do referido servicio, e manifestandose pola Sra.Concelleira , que non está disposta a aceptar que houbese descontrol e que hai un expediente aberto, e que pola súa parte vai presentar todolos papeis.
O Sr.Reymondez Gancedo lle dí que a responsabilidade é súa , respostando a Sra.Concelleira que a documentación está aportada ao expediente e que lles reitera que se reuniron cos pais e explicaron a situación e lles indica que se poden reunir eles para coñecer a situación real.
O Sr.Rivas Alvarez, pola súa parte, en relación a intervención da Sra.Concelleira lle pide que non diga iso de que están mentindo , que eles se reuniron con Amadores da Música, e procede a explicar o que é un libro rexistro de Inventario nun Centro Educativo.
A Sra.Concelleira remata a deliberación sinalando que o tempo vai poñer a cada un no seu sitio."
Ningún comentario:
Publicar un comentario